A gaita levada ao mundo do pop, do rock ou mesmo da electrónica. Ou iso parece logo de coñecer o seu primeiro single, “A insignificante historia do home astronómico”, que vai un paso máis aló do que se ten feito até o momento coa gaita. E todo isto adubiado cunha estética potente, provocadora e pouco vista nun mundo da cultura galega onde estes adxectivos son escasos.
O disco seica estará listo para levar a finais de ano e será presentado no Culturgal o sábado 5 de decembro, ademais da estrea o 24 de novembro dunha curtametraxe co primeiro single. Os dez temas que o compoñen están producidos e interpretados por el, chegando a tocar medio cento de instrumentos. Soamente conta con colaboracións de artistas como Davide Salvado, a quen ten acompañado no seu disco, Pedro Pascual ou o grupo Pandeiromus.
Editado por Inquedanzas Sonoras, Ego leva o son da gaita e da percusión tradicional a un plano distinto, diferente e anovador. Dese xeito, o tradicional viaxará cara a unha sonoridade indie-pop con tintes de rock, flamenco e música electrónica.
Ademais de membro do xurado no concurso Vai de Gaita do Luar, Silva é profesor no Conservatorio Profesional de Música Xan Viaño de Ferrol e no Conservatorio de Vilagarcía. Até o momento só o coñeciamos musicalmente a través das súas múltiples colaboracións con artistas da altura de Susana Seivane, Davide Salvado, Rosa López ou Carlos Núñez.