Opinión

Capítulo I. Logopedia, algo máis a que "a dos erres"

“ De que traballas? 

Son  logopeda. 

Ah! Eso dos pés?” 

“E ti que estudaches? 

Logopedia. 

Ah! Eso é o dos erres, non?” 

Desde o 2007, cando rematei a Diplomatura en Logopedia, cada vez que alguén me pregunta polo meu traballo, teño conversas coma as anteriores, e de forma máis habitual do que me gustaría. Son consciente de que moitos non saben o que fago ou podo facer pero aínda que, pouco a pouco, a xente ten máis nocións, non chegan a comprender a complexidade da miña profesión. Por esta razón, é a hora de explicar a miña paixón! 

Para comezar, etimoloxicamente, logopedia provén da composición entre os termos gregos “logos” (palabra, verbo, fala, linguaxe ou discurso) e “paideia” (educación dos nenos). No dicionario, o significado exacto reflexado é “técnica que trata os trastornos da expresión oral” (Fonte: Dicionario academia.gal). Non obstante, tanto a etimoloxía como o dicionario non teñen a precisión que deberían…. 

A logopedia é unha profesión sanitaria e como tal, para exercer, debemos pertencer a un colexio profesional que nos respalde; cun número que nos identifique e probe que temos a titulación necesaria para intervir con calquera paciente. Desta maneira, sendo concisos, a logopeda é a profesional da saúde encargada do estudo, a investigación, a prevención, a avaliación, o diagnóstico e o tratamento dos trastornos da comunicación humana, que se manifestan a través de patoloxías e alteracións na voz, a linguaxe (oral, escrito e xestual), a audición e as función orofaciais (succión, deglución, respiración, masticación, fala e fonación). 

Cómpre ter presente que, desde o nacemento ata as últimas etapas da vida dunha persoa, a comunicación e as función orofaciais, poden verse afectadas e alteradas por múltiples factores. Esto implica que, calquera persoa, a calquera idade, pode precisar dunha logopeda, deixando de ser unha profesión restrinxida á idade infantil senón abranguendo tamén a poboación adulta, tocando todas as etapas e ámbitos da vida dunha persoa. 

O campo de actuación dunha logopeda por tanto, é moi amplo e ao mesmo tempo, descoñecido por moitos sectores da sociedade. Só cando un familiar ou un mesmo sofre algunha alteración que deba tratar unha logopeda, é cando se coñece e recoñece a nosa figura. De feito, é habitual que no primeiro contacto entre paciente/familia e profesional, se diga a frase “Non sabía que isto era cousa de logopedia”. Pero este descoñecemento non é casualidade, posto que é unha especialidade relativamente nova, levando apenas 25 anos como  carreira universitaria independente. Ademais, non sempre ten o recoñecemento que debería con respecto a outras profesións sanitarias.  

Poñendo en datos obxectivos a situación da logopedia, en todo o territorio español, a nivel público, na atención hospitalaria, o ratio de pacientes para cada logopeda estaría en torno aos 150 mil pacientes (Fonte: Ministerio de Sanidade). Se damos a volta aos datos e vemos cantos logopedas hai por cada 100 mil pacientes, o dato supón que a media é menor a 1, sendo concretamente 0´67. Pero se extrapolamos eses datos a Galiza, encontrámonos por debaixo da media, cun 0´55 por cada 100 mil habitantes.  

Vamos, que cada logopeda ten para tratar uns 181 mil pacientes en Galiza… case nada…. E todo isto tendo en conta que o obxectivo principal da nosa actuación é mellorar a funcionalidade da comunicación e das funcións orofaciais, e en última instancia, mellorar a calidade de vida dos pacientes.  

Eso si, quen vai coñecéndonos, necesitando a nosa axuda por un ou outro motivo, vaise dando conta de que somos persoas  apaixoadas, que desfrutamos co noso traballo e que nos superamos e nos formamos día a día para ser profesionais calificados e competentes, que dean os mellores coidados a quen os necesite. Porque só desa forma nos faremos visibles na sociedade, e poderemos deixar de ser “as dos erres”…  

Comentarios