A crise libra Vigo dun centro comercial e deixa a promotora ao borde do concurso

O comercio de proximidade recupera clientas co desconfinamento, pero as promotoras seguen a alimentar a burbulla dos centros comerciais.
Directivas de Intu nunha rolda de prensa en Vigo (Arquivo)
photo_camera Directivas de Intu nunha rolda de prensa en Vigo (Arquivo)

Intu Properties, a firma británica impulsora do centro comercial de Porto Cabral en Vigo, avisaba esta semana da posibilidade de entrar en concurso de acredores no mes de xullo pola mala marcha do seu negocio. 

O anuncio chega só un mes despois de que a inmobiliaria confirmase que o plan que compartía con Eurofund para levantar un gran centro comercial nos montes veciñais de Liñeiriños quedaba anulado de facto pola tramitación do novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Vigo.

Salvador Arenere, conselleiro de Intu, sinalaba hai unhas semanas que os prexudicados por esta decisión eran "as cidadás e, sobre todo, a xente nova de Vigo" polas oportunidades de emprego perdidas (prometían preto de 4.000 postos de traballo) e o propio Concello de Vigo, que deixaría de ingresar 20 millóns de euros por un investimento que andaba polos 1.000 millóns de euros, dos que 800 serían achegados polas sociedades Intu e Eurofund.

A crise derivada da COVID-19 asestou un duro golpe ás grandes superficies comerciais. Na Galiza, os grandes complexos de compras, no que operan firmas internacionais, permanecen fechados e o persoal traballador, en moitos dos casos, afectado por Expedientes de Regulación Temporal de Emprego (ERTE). A grande afluencia de xente que viñan tendo até o de agora implica un alto risco de propagación do virus. 

Se a Galiza finalmente entra en fase 2 a vindeira semana, estes centros poderán volver abrir as súas portas, mais farano con importantes limitacións de capacidade, o que afectará á súa rendibilidade.

Aposta no comercio local

Na outra cara da moeda están os pequenos estabelecementos comerciais, os de 'toda a vida', que viron na crise sanitaria, económica e social unha oportunidade para reivindicar un modelo sostíbel, baseado nas vendas de produtos de proximidade, onde prima a calidade e a atención fronte á inmediatez e ao impersonalismo.

Pequenas mercerías, tendas de deseñadoras locais con produción na Galiza, artesás, moblarías, comercios de alimentación... a listaxe de beneficiarios deste modelo, na súa maioría autónomas (representan 58% do tecido empresarial galego), é interminábel. Con elas abertas, o dinamismo volve ao centro de vilas e cidades. 

Os centros comerciais, pola súa banda, tenden a fagocitar o comercio local cun modelo baseado nos beneficios para as grandes multinacionais (salvo contadas excepcións todas estranxeiras), que xeran empregos en moitos casos precarios.

A burbulla segue a medrar

A crise vai paralizar o desenvolvemento dalgún destes proxectos. Intu segue coa intención de levantar un centro comercial coma o de Porto Cabral, mais buscará outro emprazamento cando a súa situación económica se estabilice e pase a crise. 

Pero a burbulla destes estabelecementos parece non ter fin. Na Coruña, o centro comercial Breogán Park substituirá ao fracasado Dolce Vita, mentres que en Vigo será Vialia quen levante un novo complexo na nova estación de tren de Urzáiz. A clientela terá a última palabra.

Comentarios