A crise da monarquía entra nunha fase diferente

BNG, Bildu, CUP,ERC e JxC solicitan a Sánchez que explique a fuga do rei emérito

O Congreso, na súa sesión do 22 de abril, debatendo o presente estado de alarma.
photo_camera Congreso (Europa Press).

A fuxida de Xoán Carlos de Borbón sitúa a crise da institución monárquica nunha nova fase. Mentres na esfera política e mediatica internacional destácase a dimensión da corrupción da coroa española, os grandes poderes do Estado fechan filas coa Casa Real. O conflito está servido e ven para quedarse.

Os ollos da opinión pública europea están postos no Estado español. Malia que a corrupción fai parte da xenética de boa parte das casas reais do continente, da que son bo exemplo os escándalos financeiros da monarquía holandesa, inglesa ou holandesa, a resposta das autoridades españolas ten descolocado a boa parte dos medios de comunicación ou representantes políticos do continente.

Os máis importantes xornais do mundo teñen levado á súa portada a fuxida do rei emérito. Así, por exemplo o prestixioso xornal da esquerda francesa, Liberation indica que Juan Carlos de Borbón “pon os pes en polvorosa como un vulgar delincuente fuxitivo”,  cualificándoo en portada o seu homólogo L´Humanite como “o rei da vergoña”. Outro tanto acontece coa prensa británica, onde Financial Times fala da súa fuga “após anos de escándalos” e The Guardian afirma que “anos de escándalo obrígano a marchar o exilio”.

As novas e crónicas nesa dirección repítense practicamente en todo o mundo, destacando o periódico mexicano La Jornada que “a situación actual do home que exerceu como xefe do Estado durante catro décadas fala das carencias, incoherencias e miserias do réxime español en xeral”.   

Deter Xoán Carlos I

O malestar con Xoán Carlos I chegou tamén ao debate político de diversos Estados. Neste sentido, a deputada alemá da formación de esquerda Die Linke, Zaklin Nastic solicitou a xustiza española que actúe con imparcialidade e emita unha euroorde de detención contra o rei emérito.

“Agora veremos se a xustiza española é democrática e politicamente imparcial. Agardamos unha euroorde de detención contra o antigo rei, a fin de contas, tamén emitiron unha contra Carles Puigdemont”, sinalou Nastic, precisamente o mesmo día que o Tribunal Supremo rexeitou fixar medidas cautelares contra Juan Carlos I.

A posición da opinión pública internacional contrasta coa dos núcleos de poder do Estado. A este respecto, nos últimos días sucedéronse declaracións dos portavoces das principais formacións da dereita e tamén do PSOE destacando o legado político de Xoán Carlos e a súa achega á democracia española. Ao tempo, os principais grupos de comunicación sumáronse á campaña significando a contribución do rei emérito ao progreso do Estado.

O PSOE fecha filas co rei

O PSOE foi máis alá na defensa da institución. Até o punto de que Pedro Sánchez dirixiuse por carta á militancia do seu partido, facendo unha defensa fechada da coroa e sinalando que “a monarquía parlamentaria é un elemento dese pacto, non o pacto. Todo o pacto é a Constitución e non se pode dividir. Somos leais á constitución; a toda, de principio a fin, E a defenderemos ás duras e ás maduras”

As formacións nacionalistas continúan a ser as únicas que solicitan explicacións sobre a actitude do rei emérito. Onte mesmo, ERC, Junts per Catalunya, CUP, Bildu e BNG rexistraron unha iniciativa co obxectivo de que Pedro Sánchez compareza nun pleno extraordinario para aclarar a “fuxida” de Juan Carlos. A decisión debe ser valorada pola Mesa da Cámara que como en anteriores ocasións pode impedir un debate sobre o tema.

As organización asinantes da iniciativa destacan “o  seu compromiso cos valores republicanos” e deixan constancia dunha “clara aposta pola abolición” da monarquía á que definen como “unha institución caduca e antidemocrática”. Nesta liña, esixen ao presidente, Pedro Sánchez e a vicepresidenta, Carmen Calvo que detallen información sobre a marcha do anterior xefe do Estado, expliquen o apoio do Executivo a esta “operación de fuxida” e que representa todo isto “respecto á solidez das institucións do Estado”.

Comentarios