A crise da COVID-19 impacta con forza na cultura galega

Destruíronse máis de 1.000 postos de traballo no sector
2020061718231423044
photo_camera A danza, como o cinema ou o teatro, viuse moi afectada. (Foto: CCG)

A crise sanitaria provocada pola COVID-19 e as medidas decretadas polo Goberno estatal para conter a pandemia, en especial o parón total entre os meses de marzo e maio, tiveron un impacto en todos os sectores produtivos, pero cunha especial incidencia no eido cultural

Así o recolle o Observatorio da Cultura Galega -servizo dependente do Consello da Cultura Galega (CCG)- na súa Conxuntura estatística do ámbito cultural, que vén de facer pública logo da súa última actualización.

O Observatorio da Cultura Galega cuantifica ese impacto, revelando que solicitaron ERTE 667 empresas do sector cultural, das que dependen 4.019 persoas traballadoras, que constitúen 28,7% dos traballadores e traballadoras do sector.

No emprego, as consecuencias da pandemia foron máis que severas. As afiliacións á Seguridade Social indican que entre o último día de febreiro e o último día de abril se perderon 1.002 persoas cotizantes, o que supón unha caída de 6,3%, é dicir, 2,1 puntos por riba do total do emprego galego. 

A baixada non foi igual para todas as ramas do sector cultural: notárono máis as relacionadas coas actividades de creación, artísticas e espectáculos, cunha baixada de 10,4%; seguidas das cinematográficas, de vídeo e de programas de televisión, gravación de son e edición musical.

Entre xaneiro e maio creáronse 44 empresas de ámbito cultural segundo as cifras da explotación do Boletín Oficial do Rexistro Mercantil (BORME). Son 11 menos que no mesmo período de 2019, concentrándose o impacto máis grande no mes de abril, no que se crearon dúas empresas, o que supón un descenso de 84,5% con respecto a marzo. O ritmo de contracción de empresas no total da economía galega tamén se viu afectado, pero sensibelmente menos, con 72,1% de baixada. 

Tamén baixaron as exportacións, e este descenso afectoulles máis aos produtos culturais que a outros sectores.

O Observatorio tamén recolle as estimacións de evolución do sector cultural realizada polo Foro Económico de Galicia, sinalando que "haberá un impacto similar ao do conxunto da economía nas actividades de edición e nas cinematográficas, de vídeo e de programas de televisión; e un máis grave para as artísticas e de espectáculos".

Comentarios