Noa Presas: "A crise certifica a vixencia das teses soberanistas e anticapitalistas"

Noa Presas, un dos rostros máis coñecidos do Movemento Galego ao Socialismo (MGS), detalla os vieiros que veñen por diante logo de en setembro acordarse por unanimidade no MGS fechar o ciclo deste partido comunista integrado no BNG e impulsar o proceso constituínte dunha nova organización. 
Noa P
photo_camera Noa Presas é deputada do BNG.

"Sumarmos forzas pola ruptura" é o lema do proceso constituínte impulsado desde o Movemento Galego ao Socialismo (MGS) e que fecha o ciclo deste partido. Na web desta iniciativa (ruptura.gal) chámase a fortalecer "un espazo político desacomplexadamente independentista, que aposte nidiamente polo socialismo e que sexa consecuentemente feminista, apostando na suma de forzas na esquerda soberanista para avanzar no camiño da ruptura democrática co réxime español".  

O obxectivo, como relata a deputada do Bloque Nacionalista Galego (BNG) e membro da mesa nacional do MGS, Noa Presas, é a creación dunha organización estratéxica, centrada na construción de poder popular, e que teña na activación social e no traballo de base os alicerces sobre os que articular un proxecto que innove e adecúe as formas de participación política.

—A III Asemblea Nacional do Movemento Galego ao Socialismo (MGS) acordou pór fin ao ciclo vital deste partido. Que circunstancias mediaron para tomar esta decisión?

Antes de que a pandemia trastocara todas as nosas vidas, nós xa iniciáramos, con anterioridade aos debates que logo deron lugar á Asemblea Nacional, unha  serie de encontros abertos e de diálogos que pretendían ir máis alá da nosa propia organización.

Víamos ademais unha sobrepercepción: por unha banda constatábase un fin de ciclo no sobernaismo -no propio papel que xogamos como MGS nas frontes de masa en que participamos, como a Confederación Intersindical Galega (CIG) e o Bloque Nacionalista Galego (BNG)- e entendíase que había unha forte debilidade no soberanismo en canto a capacidade de intervención social. 

É claro que estamos nun momento de participación baixa da militancia, e que as  entidades sociais están tamén debilitadas. Entendíamos pois que era o momento de facer algo diferente e nese sentido comezamos os nosos debates internos.

Retomamos todo isto despois da primeira onda da pandemia e vimos como a crise certificou a vixencia das teses soberanistas e anticapitalistas e que claramente a Galiza de hoxe n0n é a de hai uns meses nin a de hai uns anos e que é hora de dar unha resposta valente e de artellar novas ferramentas. Eis precisamente a nosa intención: impulsar unha ferramenta que aproveite a bagaxe do que significou o Movemento Galego ao Socialismo, pero que vaia máis alá e contribúa a sumar máis persoas neste camiño. 

—E como teñen pensado desenvolver este proceso?

Enfrontar esta fase no medio dunha crise sanitaria ten as súas dificultades pero entendemos tamén que hai unha urxencia: a crise económica, social e política xa chegou e é brutal, e máis que nunca estala o conflito entre reforma e ruptura e hai que actuar.

Nese sentido, estivemos facendo actos ao longo do país, tendo moitas cautelas coas restricións sanitarias. Temos encontros previstos e estamos traballando en concretar outros, se as circunstancias sanitarias o permiten. A nosa idea é que isto conclúa a finais de ano ou a comezos de 2021 nunha Asemblea Nacional constiuínte que teña definida unha nova resposta para as necesidades deste país. 

—Como debe ser a nova organización que naza do proceso?

Iso é algo que hai que articular colectivamente. As vidas da maioría de activistas do país están moi precarizadas e isto repercute negativamente na capacidade de organización que temos como pobo.

ste feito obriga a pensar novas formas de actuar, tanto para chegar a máis xente como para autoorganizármonos. Con toda a modestia, aspiramos a que este proceso tamén contribúa a xerar novas ideas para a folla de ruta do soberanismo galego do século XXI. 

—As eleccións galegas de xuño romperon todos os teitos electorais do BNG. Hai máis nacionalismo hoxe na Galiza? E aínda que o proceso encetara antes dos comicios, axudou o resultado a tomar ese camiño no MGS?

Si, aínda que xa tíñamos previsto encetar estre proceso, as eleccións certificaron a nosa lectura do contexto político. Os comicios, alén do coxuntural e do inmediato, fechan un ciclo político aberto antes de Amio [a Asemblea Nacional do BNG de 2012 decorreu no recinto feiral de Amio] en que o nacionalismo galego colleu un camiño de clarificación ideolóxica e de reactualización organizativa ao que nós, modestamente, tamén tentamos contribuír como colectivo.

Por outra banda, os comicios viñeron a certificar que cunhas posicións claras no ideolóxico (abertamente soberanistas e de lado das clases populares) é posíbel romper teitos electorais e avanzar no campo institucional, ficando claro que avanzar na vía da autoorganziación e non relaxar as alternativas nin o discurso era o acertado. E iso historicamente para o nacionalismo e para o soberanismo é moi importante. 

—A nova organización que naza do proceso será un partido?

Iso terémolo que avaliar ao longo deste proceso. 

—Mais sendo partido ou movemento, será socialista, independentista e parte do BNG?

Si, entendemos que as coordenadas ideolóxicas están claras, apostando por unha folla de ruta independentista e socialista e tendo como referencia organizacións de masas como o BNG e a CIG.

Aspiramos a que o novo impulso que queremos dar ao soberanismo sexa capaz de traer máis persoas a estes campos de traballo.

Comentarios