A crise cébase coa mocidade, que encabeza a destrución de emprego na Galiza

Os menores de 25 anos cobran un salario 48,2% inferior á media.

Traballadores nunha cadea de montaxe. (Arquivo)
photo_camera Traballadores nunha cadea de montaxe. (Arquivo)

As perspectivas estanse cumprindo. Se a mocidade foi a grande pagá da Grande Recesión iniciada á volta de 2008, chegando a pandemia aínda inmersa nunha crise que a expulsou do país e deteriorou as súas condicións de vida, o golpe provocado coronavirus veu complicar aínda máis a situación. Neste sentido, un informe elaborado pola sección galega da Unión General de Traballadores(UGT) e presentado onte mesmo sinala como 7.300 mozos e mozas perderon o emprego no último ano, diminuíndo a poboación activa nesa mesma franxa de idade en  27.100 persoas. 

A poboación ocupada baixou en 34.500 mozos e mozas no último ano. Segundo indican desde a UGT, “a ocupación cae entre as persoas menores de 35 anos en 14,7%, fronte a 4,4% do conxunto de idades”, destacando  que “no que respecta á poboación ocupada, hai na Galiza actualmente 199.700 persoas menores de 35 anos nesta situación, o que supón unha contracción con respecto a hai un ano de 34.500 persoas, chamando a atención o descenso de 13.600 no tramo de 25 a 29 anos”.

A totalidade dos indicadores laborais apuntan a un peor comportamento da poboación menor de 35 anos. Así, comparando a evolución da situación do desemprego entre os anos 2019 e 2020 pódese observar como se produce un importante aumento de persoas desempregadas menores de 35 anos en termos absolutos, presentando un maior volume de persoas en situación de desemprego o das mozas e mozos de 25 a 29 anos e a continuación a de 30 e 34 anos que conta con 15.900 persoas desempregadas.

A temporalidade e a parcialidade explica o peor comportamento do emprego neste colectivo. A mocidade sufre taxas máis altas de parcialidade, estando 19% do total de persoas ocupadas menores de 35 anos contratadas a tempo parcial, fronte a 13,3% do conxunto de idades, o que supón 5,7 puntos de diferenza. Ao tempo, 43% das persoas asalariadas menores de 35 anos teñen un contrato temporal, cando no total de idades esta porcentaxe é do 22%, non superando o ano o 34% dos contratos das mozas e dos mozos. Ademais, as  persoas menores de 25 anos perciben de media anual un salario de 12.417,98 euros, o que representa unha brecha salarial do 48,27%.

A UGT denuncia “o alto nivel de desemprego e a mala calidade do emprego son os principais trazos que definen a precariedade laboral da xuventude, que se agudizou aínda máis con esta crise”. Neste sentido, o sindicato socialista urxe ás “administracións a que poñan xa enriba da mesa as medidas necesarias para poñer a andar un mercado laboral  na Galiza que ofreza ás persoas máis novas oportunidades de emprego digno, estable e de calidade”.

Comentarios