De 25 de outubro a 3 de novembro

De naves espaciais e criaturas fantásticas en Vilagarcía

O Festival Internacional de Cinema e Banda deseñada Curtas terá lugar en Vilagarcía de Arousa até o 3 de novembro, onde máis dun cento de obras repartidas entre curtametraxes, documentais, videocreacións e longametraxes poderanse ver nos dez días do festival.

Curtas
photo_camera [Imaxe: cedida] O certame desenvolverase até o 3 de novembro

O Festival Internacional de Cinema e Banda deseñada Curtas bebe do Festival de Cinema Amador de Vilagarcía, que naceu no 1973, celebrándose 46 anos seguidos. Dúas liñas vertebran a programación da 44 edición: os 50 anos da chegada da humanidade á lúa e a maxia e as lendas, cunha homenaxe á creación de J.K. Rowling.

Hai seis longametraxes a concurso: Nubes de Cartón (Sergio Fernández), Hous3 (Manolo Munguia), Dos Veces Tú (Salomón Askenazi), Sea Beasts (Felipe González), Planet Horror Presenta: Bliss (Joe Begos) e Amor en polvo (Suso Imbernón e Juanjo Moscardó). A competición internacional de curtametraxes inclúe máis de 60 pezas de todo o mundo, cunha categoría específica para a videocreación. Ademais, o concurso inclúe 14 documentais.

Máis que cinema

Alén dos filmes, a programación complétase con varias exposicións, entre elas unha dedicada ao universo de J.K. Rowling e outra que propón un percorrido pola historia da ciencia ficción a través de modelos a escala das naves más emblemáticas do xénero.

Entre as actividades promovidas ao abeiro do festival atópase obradoiros e faladoiros, así como un concurso de ilustracións e contos de fantasía en galego. Seres Máxicos de Galicia e onde atopalos, homenaxeando o spin-off da escritora de Harry Potter, recolle tanto traballos de escrita como de debuxo dedicados ás criaturas que habitaron o noso maxín popular: Mouras, Urcos, Serpes, Cocas, Nubeiros, Ondiñas, Demos, Xacias, Tardos ou Meigas.

Comentarios