FRANCISCO JORQUERA, ANTE A XV ASEMBLEA NACIONAL DO BNG

“Creo nun debate sen tabús para a refundación”

Francisco Jorquera (Ferrol, 1961) é unha das voces ás que se presta máis atención dentro do BNG. É normal. Non só por ser o portavoz do grupo parlamentar, senón pola súa capacidade para o diálogo dentro da casa.

Francisco Jorquera comparecendo no Parlamento de Galiza. Foto: Irene Pin

Licenciado en Xeografía e Historia, ten o percurso do nacionalismo galego na cabeza, mais prefire pór as luces largas e ollar para o futuro. Ten ideas e propostas para o BNG saír da crítica situación na que se acha.

-Que esperas da XV Asemblea Nacional do BNG e como debe saír o Bloque dela?

-Espero un debate franco, aberto, construtivo, no que se formulen as propostas desde a convicción de que o nacionalismo é un proxecto necesario para Galiza e, por tanto, é necesario preservalo. Temos que analizar que esforzos de adaptación á realidade do país ten que facer o nacionalismo para ser unha ferramenta útil no futuro e servir así os intereses da sociedade galega. Estamos ante unha situación crítica que exixe un debate sen tabúes de cara ao relanzamento do proxecto nacionalista. Non teño medo ás palabras. Creo que o nacionalismo ten que acometer a súa refundación. Hai que aprender da experiencia histórica. Este ano fanse 100 anos do nacimento do nacionalismo, da fundación das Irmandades da Fala. O nacionalismo ao longo deses 100 anos atravesou moitos períodos de fluxo e de refluxo. As Irmandades da Fala deron paso ao Partido Galeguista. A liquidación do PG, nos anos 50 pola posición do piñeirismo, deu lugar a que nos anos 60 reemerxese o nacionalismo baixo novas formas, co nacimento da UPG e do PSG. Nos anos 70 iso cristalizou coa formación da ANPG e unha situación crítica semellante á actual deu lugar nos anos 80 a que esa organización iniciase un proceso de refundación do cal naceu o Bloque Nacionalista Galego. O nacionalismo galego sempre tivo a capacidade de se reinventar.

A conclusión dese proceso pode ser un BNG renovado, remozado, con cambios organizativos, mudanzas nos seus métodos de traballo na sociedade, ou pode ser o nacemento dunha nova organización

-Pero entón hai que remozar o actual referente ou fundar un novo referente?

-Ben, a resposta a esa pergunta ten que ser a conclusión dun proceso de análise. Esa análise haina que facer de xeito compartido con moitas persoas que, aínda que non están organizadas no BNG, si consideran que para Galiza é imprescindíbel a existencia dun referente político nacionalista. Como apuntan as teses a debate na Asemblea, é importante ir máis alá dos lindes do BNG e escoitarmos as achegas de persoas simpatizantes, da nosa contorna social. Portanto, a conclusión dese proceso pode ser un BNG renovado, remozado, con cambios organizativos, mudanzas nos seus métodos de traballo na sociedade, ou pode ser o nacemento dunha nova organización. Unha organización política é unha ferramenta ao servizo dun proxecto. O fundamental é preservar o proxecto, coas actualizacións que sexan precisas. Eu parto sen ningún apriorismo á hora de comezar este debate.

A íntegra desta entrevista, unha dupla páxina, tela ao teu dispor no Sermos 181, nos pontos de venda habituais e tamén na nosa loxa.

Máis en Só en papel
Comentarios