Crear para despois da morte: aparecen os títulos "póstumos" de Galeano e Oliveira

Deixaron obra que crearon póstuma a mantenta. Maio trae un novo título de Eduardo Galeano, ao que se lle sumará outro en breve, e a proxección do filme inédito de Oliveira. Os autores decidiron que esas obras só se publicarían despois da súa morte. 

Cando Eduardo Galeano morre con 74 anos deixaba aos seus numerosos lectores e lectoras dous novos títulos que se sumarían a súa ampla listaxe de libros. Mujeres, unha antoloxía de textos, estaba xa pronto a saír na editorial Siglo XXI mais as maiores incógnitas caen sobre Cazador de historias, o libro que chegará na mesma editorial no mes de xullo e do que, ate agora, pouco se sabe. Os medios de Uruguay agardan con interese ese novo título que se sumará aos máis de corenta de Galeano que o escritor deixou preparado mais que non quixo que se publicara para non alterar o que sabía que eran os seus últimos días. No seu país de orixe deuse, despois da morte do escritor, un singular repunte da venda da súa obra, esgotándose algúns dos seus títulos, nomeadamente O libro dos abrazos. 

En Mujeres o escritor asina un volume composto por textos breves que fan un percorrido polo seu universo creativo arredor das mulleres,  reparando tamén en figuras concretas da historia de emancipación das mulleres. Pola súa parte, aínda non transcendeu o contido de Cazador de historias mais todo apunta a relatos creados arredor do que o escritor absorbía da propia realidade. “Cazador de historias” era unha expresión que Galeano empregaba, de maneira máis intensa nos últimos dez anos, para definir o seu oficio de escritor. 

Inédito con trinta anos 

En maio estrearase tamén o filme inédito de Manoel de Oliveira titulado Visita ou memórias e confissões. A película, que se incorpora á dilatada e numerosa conta de títulos do director portugués, foi rodada en 1982 mais o autor quería que só fóra mostrada publicamente após a súa morte. Será en maio, na Cinemateca Portuguesa de Lisboa cando, no día 5, se poderá ver por vez primeira a obra inédita que Oliveira realizou con texto da escritora Agustina Bessa-Luis. 

O filme está en posesión da Cinemateca desde hai décadas e só en moi contadas ocasións foi visto en pases privados ou unha proxección no ciclo “Oliveira: O Culto e o Oculto” que e o director autorizou hai vinte anos. O seu carácter autobiográfico pode ser a razón que fixesen ao autor decidir que o filme só se podería ver unha vez morto. De feito, a película parte da casa familiar que o autor tivo que abandonar nunha etapa dolorosa da súa vida. 

Comentarios