A creación de sociedades na Galiza, en mínimos do século

O descenso, de 6,3% en 2019, supera a media dos territorios do Estado español
Os feches golpearon na industria e na construción, non tanto nos servizos.
photo_camera Polígono industrial na Galiza

Galiza leva tres exercicios consecutivos reducindo o volume de creación de empresas. En 2019, segundo os datos publicados onte polo Instituto Nacional de Estatística (INE), constituíronse un total de 3.771 novas sociedades, o que supón 6,3% menos que en 2018. Este descenso é máis acusado que o retroceso medio dos territorios do Estado español (-1,2%), onde houbo 93.943 sociedades de nova creación para cuxa constitución subscribíronse máis de 5.560 millóns de euros. 

A forte caída na constitución de empresas na Galiza é especialmente salientábel xa que, ademais de baixar por terceira vez das 4.000 empresas creadas no que levamos de século XXI (constituíronse 3.968 sociedades en 2015 e 3.836 en 2009), o rexistro é o máis baixo de todo este período. E en relación ao conxunto do Estado, as cifras da Galiza figuran tamén entre as baixadas máis pronunciadas, só por detrás de Cantabria (14,9%), Balears (8,6%), Canarias (7,3%) e Murcia (7%).

Por tipoloxía, case todas as sociedades constituídas en 2019 foron SL (3.759) e o resto SA (12). O capital medio subscrito polas empresas galegas foi de 99.100 euros un dato que mellora a media do Estado español que queda en 59.200 euros. Tamén sucede o mesmo no que atinxe á disolución de sociedades. O pasado ano deixaron de figurar nos rexistros 1.478 firmas, son 2,6% máis que en 2018, pero menos das que se destrúen no resto do Estado español, onde se incrementaron 4% de media. 

En canto as ampliacións de capital, en 2019 houbo 1.338 sociedades realizaron este tipo de operacións, 1.299 delas SL e 39 SA. O montante das mesmas acadou os 796 millóns de euros. Pola súa banda, as que reduciron capital o pasado ano foron 318 compañías e o montante total das operacións 136,1 millóns de euros. Así mesmo, 13 empresas desembolsaron dividendos pasivos por valor de 8 millóns de euros.

Comentarios