Estão a dizer-me que não posso falar por razões de ordem técnica, é isso? Manuel Durán Clemente, un dos capitáns de abril, fillo dunha muller de Pazos de Borbén, era interrompido na RTP mentres informaba sobre a acción desenvolvida e o curso da revolución. A súa imaxe pasou á historia e el mesmo representa un dos lazos que unen este episodio histórico con Galiza. Aliás, Grândola Vila Morena, a peza musical que apenas vinte minutos após a media noite do 25 de abril soaba na Rádio Renascença como sinal para o movemento de tropas, interpretouse por vez primeira na Galiza. Foi o 10 de maio de 1972, no recital que ofreceu José ‘Zeca’ Afonso no Burgo das Nacións. Mais o que implicou a Revolución dos Cravos para o noso país foi alén destes feitos e contribuíu a acrecentar a actividade de formacións políticas que traballaban na clandestinidade.
A UPG, da man de Margarita Ledo, chegou a contar cunha estrutura organizada en Porto, onde gozaba do apoio do máximo responsábel da rexión militar do norte de Portugal, o Coronel Corbacho. “Aos 23 anos pasei á clandestinidade no seguimento dunha acción de propaganda que foi considerada polo réxime un acto de guerra e ditouse orde de ‘caza e captura’ contra min. Era xullo do 1974 e en setembro fun enviada a Portugal”, relata a Sermos Galiza. Até en seis ocasións atravesaría a fronteira, tres veces polo Miño. Salienta o descoñecemento que había en Porto a respeito da problemática do país e do nacionalismo galego, “agás naquelas persoas que tiñan contacto coa Galiza, como Calvet de Magalhães ou Viale Moutinho”.
[Podes ler a reportaxe íntegra no Sermos Galiza 242, á venda na loxa e nos quiosques e puntos de venda habituais]