COVID-19: ecos de Chernobyl contra a China

O coronavirus, bautizado a semana pasada como COVID-19, cobrouse a vida de 1.868 persoas na China, segundo datos desta terza feira. O presidente do país, Xi Jinping, afronta o seu maior desafío desde que chegou ao poder.
xi
photo_camera O presidente Xi, o pasado 10 de febreiro, visitando un centro de prevención do COVID-19 (gov.cn)

A República Popular da China é a segunda potencia económica do planeta e un actor clave no teatro da política internacional. O avance nas condicións sociais da súa poboación é innegábel, aínda que se manteñen grandes desequilibrios territoriais, especialmente entre as zonas urbanas e as rurais. "O modelo chinés" leva anos sendo materia de estudo e de debate por parte das e dos economistas de todo o mundo. E de loanza.

En The China Model: Political Meritocracy and the Limits of Democracy (2015), Daniel A. Bell defende o distintivo "modelo de gobernanza" chinés, que ─di─ nin é unha democracia liberal nin un réxime autoritario, senón unha "meritocracia política". Bell, decano da Escola de Ciencia Políticas e Administración Pública da Universidade de Shandong, cre que pola súa historia este modelo se axeita mellor á sociedade chinesa que as democracias occidentais, e defende que as e os líderes se elixan en base aos seus méritos e non á súa popularidade.

O presidente da China, Xi Jinping, considerado pola revista Forbes como o home máis poderoso do mundo, chegou ao poder a finais de 2012. Fillo dun revolucionario purgado durante a Revolución Cultural, Xi pasou eses anos no rural como millóns de mozos e mozas tras o "envío ao campo" decretado por Mao. En 1973, após varios intentos, foi admitido no Partido Comunista (PCCh). Dous anos despois ingresou na prestixiosa Universidade Tsinghua de Beijing, onde estudou enxeñería química, e de aí entrou na Comisión Militar Central ─a máxima autoridade do Exército chinés─ como secretario do daquela ministro de Defensa, Geng Biao

Nas seguintes dúas décadas, Xi continuou coa súa carreira política pasando por varias posicións de responsabilidade a nivel municipal e provincial. O seu labor entre 2002 e 2007 no impulso de empresas privadas en Zhejiang valeulle o recoñecemento das elites políticas para substituír o líder do PCCh en Shanghai, Chen Liangyu, logo de este apropiarse de varios millóns do fondo de pensións municipal. Desde entón, Xi cultivou un perfil de político implacábel contra a corrupción. Un perfil que estes días está a ser posto en cuestión. 

Descarga de culpas

A loita do país contra o coronavirus, o COVID-19, está a ser tamén unha loita persoal de Xi Jinping por manter inmaculada a imaxe que el se labrou e que o sistema ao seu redor se encargou de hiperbolizar e consolidar. "Sen dúbida estase a converter no maior desafío político do seu mandato", sinala en conversa con este diario Xulio Ríos, director do Observatorio da Política Chinesa.

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube.

Comentarios