Imprimir

A Covid-19 chega ao “teito” da Galiza

A. Escuredo | 25 de marzo de 2020

A Veiga (Nós Diario)
A Veiga (Nós Diario)

Concellos afastados como A Veiga, a zona máis alta do país, ou Covelo rexistran nos últimos días os seus primeiros casos por coronavirus como consecuencia de persoas que chegaron de Madrid.

O interior do rural galego segue a sumar novos casos positivos pola Covid-19. Nos últimos días dous novos municipios que non contaban con ningunha persoas contaxiada tiveron os primeiros casos coa circunstancia común de que as protagonistas eran persoas que viñeran de Madrid á súa segunda residencia.

A Veiga, un dos concellos con menos poboación (889 habitantes) e unha gran extensión dominada polo teito da Galiza (Pena Trevinca), descubriu o primeiro positivo de coronavirus o pasado 20 de marzo. Foi, tamén, o primeiro caso para o Hospital de Valdeorras. Anunciouno o propio alcalde, Juan Anta, nas redes sociais. “Comunícame a familia que en principio o paciente está ben e seguramente lle deas a alta, as dúas familias coas que tivo contacto están en corentena”.

O afectado viñera de Madrid días antes para pasar o estado de alerta na súa segunda residencia nunha parroquia dese municipio. O propio alcalde explicaba, diante desta situación, que “en principio o afectado non foi a ningún sitio de atención o público da Veiga”.

Covelo, primeiros casos

Tamén do interior é Covelo (2.719 habitantes), na comarca do Condado-A Paradanta. Nunha das súas parroquias deron positivo na proba da Covid-19 un matrimonio que viñera tamén de Madrid, neste caso antes de que se decretara o estado de alerta mais xa con moitos casos na súa cidade.

A nova non sentou nada ben entre a veciñanza que colaborou en tomar as medidas de prevención diante das visitas e contactos que tiveron esas persoas nos quince días que levaban no municipio.  

Nervios e prevención

No rural é moi difícil pasar desapercibido. Na actual situación de emerxencia sanitaria están prohibidas as saídas da vivenda con algunhas excepcións que algunhas persoas non respectan. O alcalde da Veiga comenta desde a súa conta de Facebook que unha pequena porcentaxe é insolidaria. “Ese 15% que seguides saíndo a comprar 4 veces o día, a gasolineira 3, a pasear dúas horas ou a falar no taller dicirvos que sodes uns irresponsábeis e que oxalá non teñamos ningunha desgracia por culpa vosa”, escribe.

No caso de Covelo a principal preocupación unha vez alertada a poboación foi a prevención e saber os servizos a domicilio habituais na zona (pan, peixe), que empregaron as persoas que deron positivo para evitar a súa posíbel propagación. Polo de agora a solidariedade e a responsabilidade están a librar unha boa parte do noso territorio da chegada da pandemia aínda que a suma de casos positivos aumenta día a día.  

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/covid-19-chega-ao-teito-da-galiza/20200325201750093840.html


© 2020 Nós Diario