Opinión

Cousas que non se poden dicir de Fraga

Neste primeiro aniversario da morte de Manuel Fraga asistimos á inauguración dun busto no Congreso, numerosos homenaxes, un Congreso do PP de Galicia que vai lembrar o galeguismo de Fraga etc. Mais non se fala dalgunha cousa boa do mandato de Fraga e nin falar do pasado franquista do fundador do PP.

Neste primeiro aniversario da morte de Manuel Fraga asistimos á inauguración dun busto no Congreso, numerosos homenaxes, un Congreso do PP de Galicia que vai lembrar o galeguismo de Fraga etc. Mais non se fala dalgunha cousa boa do mandato de Fraga e nin falar do pasado franquista do fundador do PP.

Ninguén vai escribir, porque non vai ocorrer, que ese Congreso do PP é unha boa oportunidade para aprobar unha ponencia que recupere a unanimidade (non o consenso) sobre o galego. Unanimidade que había cando se aproba en 2004, con Fraga de Presidente da Xunta, o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNLG), que rompe unilateralmente o PP cando Feijóo chega á Xunta. Entre outras cousas, ese Plan sinalaba como un dos seus obxectivos: “Consolidar o papel normalizador das corporacións locais por medio da xeneralización do uso do galego como principal lingua de traballo e comunicación cos seus administrados. Todos os departamentos e organismos dependentes do concello terán a lingua galega como referencia oral e escrita”. Tampouco vai aprobar ese Congreso do PP, en homenaxe ao galeguismo de Fraga, o que dicía ese PXNLG sobre o comportamento dos cargos públicos: “Fagan uso público, tanto oral como escrito, de xeito sistemático da lingua galega no desempeño da súa responsabilidade pública”.

"O Congreso do PP é unha boa oportunidade para aprobar unha ponencia que recupere a unanimidade (non o consenso) sobre o galego. Unanimidade que había cando se aproba en 2004, con Fraga de Presidente da Xunta"


O guión está xa escrito: Fraga é un demócrata de toda a vida, un servidor do Estado, un patriota exemplar e pai, con outros, da Constitución española. Vou saltarme ese guión e lembrar algunhas cousas que non se van publicar nestes días de exaltación da súa figura.

Fraga milita na Falanxe desde moi novo e chega ao cargo de Delegado Nacional de Asociaciones de Falange Española Tradicionalista y de las JONS. Cando cesa nese cargo, o mesmo Francisco Franco agradece no BOE de 9 de febreiro de 1961 “los servicios prestados” polo “Camarada Fraga”. Ademais de ministro con Franco, foi conselleiro nacional do Movemento (o partido único), procurador das Cortes franquistas e membro do Consello de Estado. Entre outras distincións, recibe en 1968 o título honorífico de “Fillo Adoptivo” da Coruña, cando a represión era brutal, xa que un mes despois o Consello de Ministros declaraba o Estado de Excepción.

Fálase moito da longa folla de servizos prestados ao Estado, mais non se di que ese Estado era unha ditadura fascista e criminal, resultado dun levantamento militar contra o goberno lexítimo e constitucional da Segunda República. Sobre as súas relacións coa ditadura franquista durante máis de vinte e cinco anos, preséntase a Fraga como un tecnócrata que “pasaba por alí”. A realidade é que, tanto desde distintos cargos da administración como desde o Consello de Ministros, foi partícipe e cómplice de toda a política represiva que alí aprobaban: fusilamentos, cárceres, campos de concentración, exilio, Tribunal de Orde Público (TOP), graves violacións dos dereitos humanos, expedientes a xornalistas, peche de medios de comunicación, asasinatos de traballadores etc.

"Fálase moito da longa folla de servizos prestados ao Estado, mais non se di que ese Estado era unha ditadura fascista e criminal"


Poucos meses despois de tomar posesión como ministro en 1962, o Consello de Ministros aprobaba a execución de Julián Grimau, dirixente comunista, e dos anarquistas Francisco Granado e Joaquín Delgado. A “humanidade” de Fraga quedou patente en numerosas ocasións; así, en 1962, con motivo das folgas mineiras de 1962 en Asturias, chamou “piojosas” ás mulleres dos obreiros, que foron rapadas no cuartel da Garda Civil, golpeadas, humilladas e paseadas polas rúas de Langreo.

Fraga cesa como ministro en 1969 e regresa ao Consello de Ministros co último Goberno de Carlos Arias Navarro, sendo vicepresidente para Asuntos de Interior e ministro da Gobernación. Durante o seu mandato nese ministerio, de decembro de 1975 a xullo de 1976, a policía asasinaba a cinco traballadores en Vitoria con motivo dunha folga laboral; no tradicional Vía Crucis que organizaban os Carlistas en Montejurra (Navarra), un grupo de fascistas, dirixidos por un comandante do exército, asasinaba a dúas persoas.

"En 1962, con motivo das folgas mineiras de 1962 en Asturias, chamou “piojosas” ás mulleres dos obreiros, que foron rapadas no cuartel da Garda Civil, golpeadas, humilladas e paseadas polas rúas de Langreo"


Fálase moito de que Fraga promoveu a liberdade de prensa, mais é un conto chino porque despois de aprobarse a Ley de Prensa e Imprenta en 1966 continuaron os expedientes, sancións a xornalistas e peches de medios de comunicación. O libro de Aurora García González, Historia de La Empresa de La Voz de Galicia (1939-1992), recolle información sobre a represión que o ministro Fraga exercía sobre os medios de comunicación, que desminte a chamada “apertura” da Lei de Prensa. Desde a súa entrada en vigor en marzo de 1966, da man de Fraga, até 1975 que morre o ditador, foron abertos 1.270 expedientes a distintas publicacións e 405 acabaron en sanción. Só no período de abril de 1968 até abril de 1969, Fraga abriu 201 expedientes administrativos e 118 culminaron en sanción, case sempre en aplicación do artigo 2º da citada lei.

La Voz de Galicia acumulaba moitas das sancións de Fraga: multa de 2.500 pesetas pola publicación dunha foto en primeira páxina o 13 de marzo de 1967; motivo da multa: “moral”. Multa de 12.500 pesetas polo artigo “Asamblea general de los estudiantes de la Facultad de Medicina de Santiago”, publicado o 17 de xaneiro de 1968. Multa de 10.000 pesetas polo artigo “Petición estudiantes de Santiago dimisión del Decano”, de 27 de xaneiro de 1968. Multa de 12.500 pesetas polo artigo “Los estudiantes de ciencias piden el cese del Decano”, publicado o 9 de marzo de 1968. Outras dúas multas de 10.000 pesetas cada unha por artigos sobre o mesmo tema publicados o 10 e 12 de marzo de 1968. En todos estes caso alegábase como motivos para a sanción: “orden público”. Despois de coñecer este datos, hai quen segue empeñado en difundir a gran contribución de Fraga á liberdade de prensa e á conquista da democracia.

Que hai do galeguismo de Fraga? Hai que falar mellor da actuación de Fraga durante a ditadura para reprimir as publicacións e o uso do galego. Como ministro de Información e Turismo Fraga multaba con 50.000 pesetas ao subdirector de La Voz de Galicia, Francisco Pillado Rivadulla, que exercía de director por ausencia do titular. O “delito” foi a publicación dun artigo de Augusto Assía “Sobre el idioma gallego”, publicado o 26 de xullo de 1968. Na súa colaboración habitual de Carta abierta al director, dicía o citado artigo: “El idioma gallego es tratado como un estigma que hay que ocultar, y que es inepto para la gente fina. Le ocurre al idioma gallego, no sólo en la Iglesia, sino en la Universidad , en la escuela, en los estrados y en la oficinas públicas, lo que no hace todavía más que 20 años le ocurría a los negros de Estados Unidos, donde no se les dejaba entrar mas que por la escalera de servicio”.

"Que hai do galeguismo de Fraga? Hai que falar mellor da actuación de Fraga durante a ditadura para reprimir as publicacións e o uso do galego"

Segundo a resolución do ministerio de Fraga, que recolle Aurora García, o citado artigo contiña “conceptos atentadores a la verdad, el respeto debido a las instituciones, a las exigencias del mantenimiento del orden público actual y al acatamiento al punto IV de la Ley Fundamental de 17 de mayo de 1958, en el que se expresa que la unidad entre todos los hombres y las tierras de España es intangible”.

O ministerio de Fraga prohibía, tamén en 1968, a edición dun calendario impreso na casa de cartonaxes ANMI de Lugo que incluía, entre outros, textos de Otero Pedrayo, Victoria Armesto e Salvador Lorenzana (Francico Fernández del Riego), todos eles colaboradores de La Voz de Galicia.

Fraga perseguiu especialmente a obra de Castelao, prohibindo a difusión de Sempre en Galiza. Con Fraga de ministro de Información e Turismo e responsábel da censura, Alberto Míguez foi multado con 50.000 pesetas e condenado polo Tribunal de Orden Público (TOP) a seis meses de cárcere pola publicación en 1965 de El pensamiento político de Castelao pola editorial Ruedo Ibérico. Todo isto non impediu a Fraga, como presidente da Xunta, entregar fachendoso os Premios Castelao.

"Fraga perseguiu especialmente a obra de Castelao, prohibindo a difusión de Sempre en Galiza".

Nestes días que aparecen numerosos artigos e reportaxes de eloxio a Fraga, non se difunde o que escribía J.M. Caballero Bonald, escritor e premio Cervantes 2012: “Se convirtió en uno de los máximos secuaces de la camarilla de Franco y sus actuaciones represivas propiciaron durante años la falta de libertades y la persecución de disidentes. Fue en puridad un cómplice de algunos de los asesinatos llevados a cabo en la última década del franquismo. Resulta alarmante ese casi generalizado encumbramiento del personaje a la hora de su muerte. Se ha ensalzado su papel conciliador en la Transición y su particular patriotismo. Es cierto que aprovechó cierta deriva de la democracia para seguir presente con absoluta impunidad en la vida política. Pero ¿se arrepintió algún a vez de sus desmanes pasados, reconoció alguna vez su execrable connivencia con el franquismo?”.

E o xornalista Carlos Tena, escribía: “Manuel Fraga fue un político verdaderamente enamorado de la dictadura franquista y sus leyes. Intolerante, presuntuoso, censor, autoritario, inculto, tozudo como una mula, ultraderechista, religioso en el peor sentido del término y, en suma, un espécimen digno de figurar en el zoológico dedicado a los personajes más despreciables de cuantos pasaron por los gobiernos del general asesino. Estaba satisfecho con esta ´democracia´ y no es de extrañar.

Como funcionario de RTVE durante muchos años, fui testigo de las medidas que desarrolló en sus tiempos de ministro de Información y Turismo (1962-1969), tan ´liberalizadoras´ como vetar y denunciar a cantantes y periodistas, prohibir canciones y portadas de discos, suspender programas de radio y TV, someter al ostracismo a profesionales, nombrar para altos cargos a falangistas y franquistas fieles al régimen”.

Xa na democracia, Fraga defendeu publicamente a ditadura chilena de Pinochet Por outra parte, Fraga sempre recoñeceu os seus servizos á ditadura. Así, no libro de Vázquez Montalbán Mis almuerzos con gente inquietante (1984) dicía: “Serví lealmente a Franco. Serví al Estado franquista, que fue menos totalitario de lo que se cree”.

"Xa na democracia, Fraga defendeu publicamente a ditadura chilena de Pinochet"


Manteño, aínda que non sexa politicamente correcto, que a elección de Fraga como presidente da Xunta foi unha elección do pobo galego, mais tamén unha vergoña para Galiza. Non hai outro caso en todo o Estado español, nin en Europa, onde un ministro dunha ditadura criminal chegue a ocupar cargos de responsabilidade política cando se conquista a democracia. Nunca como até agora dicir a verdade, recuperar a historia ou, simplemente, informar, ten un carácter tan democrático e revolucionario. Manuel Fraga, como servidor e ministro da ditadura franquista, non é un exemplo para unha sociedade democrática e non merece ningún tipo de recoñecemento social.

Comentarios