Opinión

As cousas máis claras 

A Conferencia nacional de ANOVA foi abondo clara, para quen o queira ver. Ao ter que escoller entre unha candidatura nacional galega na que estea o BNG, e outra coa “esquerda rupturista” (estatal), prefiren esta última opción.

A Conferencia nacional de ANOVA foi abondo clara, para quen o queira ver. Ao ter que escoller entre unha candidatura nacional galega na que estea o BNG, e outra coa “esquerda rupturista” (estatal), prefiren esta última opción. O resto é pura leria, verbas que soan ben, dirixidas ao electorado menos politizado a través do medios sistémicos. Concretamente todo apunta a que se inclinan por unha candidatura que teña como protagonistas as “mareas, a cidadanía, e a esquerda rupturista”. Ou sexa, que teña a Anova e socios como forzas promotoras, ligadas dalgún xeito cunha estratexia estatal (Ahora en Común?), e na que a incorporación do BNG aportaría votos e nunca ideas. A actitude das mareas ao non apoiar o BNG na Deputación da Coruña, en beneficio do PSOE, reflicte tamén esta prioridade do marco estatal. Mesmo así, pode haber a tentación en sectores do BNG de pensar que aínda hai marxe para o acordo. Coido que sería perder o tempo.

"ANOVA considera que nación galega non é igual que nacionalismo. Certo, mais iso non implica  restar contido ao conceito de autoorganización"

ANOVA considera que nación galega non é igual que nacionalismo. Certo, mais iso non implica  restar contido ao conceito de autoorganización, desligándoo do carácter prioritario da loita pola soberanía que ten para o nacionalismo. E isto non foi un impedimento para que o nacionalismo fose a segunda forza electoral na Galiza, mesmo cun programa igual ou máis radical que o actual. Dise que hai partidos de esquerda de ámbito estatal que defenden o dereito de autodeterminación, que recoñecen o carácter plurinacional do Estado. É certo! Mais fano coa boca pequena, porque despois no discurso e na práctica, que é o importante, nunca tomaron unha soa iniciativa para defender este dereito. Todo amosa que fan concesións por puro tacticismo alí onde non lles queda máis remedio (Catalunya, Euskadi, Galiza, etc). E iso sabeo ANOVA. Non penso que sexan tan inocentes. 

Tampouco se pode dicir que Esquerda Unida sexa rupturista, un partido antisistémico. Esquecemos os Pactos da Moncloa, a aceptación da Monarquía, a postura diante do Estatuto de Autonomía e a entrada na Unión Europea, etc. Dirase que son cousas que pasaron hai moito tempo e que daquela era o PCE. Agora ben, que proposta fai hoxe que rache co sistema? Todas as medidas que propón son keynesianas. Cando menos o BNG, e outros partidos da esquerda nacionalista no Estado, están claramente ligados á clase traballadora, e propoñen alternativas soberanistas que confrontan co proxecto capitalista das clases dominantes, de globalización neoliberal. No que respecta a Podemos, todo está máis claro, afirma que non hai máis opción que a economía de mercado e que non é de esquerda nen de dereita. As primarias cun único ámbito estatal evidencian que entenden na práctica por estado plurinacional e por capacidade de decisión para as nacionalidades históricas.

"A opresión dáse tanto no eido identitario (cultura, historia, lingua, etc) como no papel subordinado, no retroceso constante e no control foráneo, da nosa economía".

Na Galiza maniféstanse ligadas e coa mesma intensidade a opresión nacional e a explotación de clase. A opresión dáse tanto no eido identitario (cultura, historia, lingua, etc) como no papel subordinado, no retroceso constante e no control foráneo, da nosa economía. Consecuencias: a emigración, a baixa natalidade, a perda de peso dentro do Estado español, malia a nosa potencialidade en todos os eidos. A explotación dáse mediante condicións laborais máis negativas que as medias do Estado. O actual axuste produciu un aumento da xornada real, a diminución dos salarios, a regresión da fiscalidade e das prestacións e servizos públicos. 

Considerar polo tanto, como se fai dende ANOVA e as mareas, que a cuestión nacional só é un problema de identidade, e que a folla de ruta debe pasar por artellar unha candidatura popular a nivel do Estado español, é totalmente errado. Esta postura ignora a carácter transversal da dependencia de Galiza, e que a explotación da clase traballadora esta ligada á falta de soberanía do país (salarios máis baixos, menor desenvolvemento e oferta de emprego). Un tema abondo estudado pola teoría da dependencia (Ruy Mauro Marini, Gunder Frank...). Ademais, na práctica deixa cando menos nun lugar secundario a cuestión da autoorganización e polo tanto da loita pola soberanía, xa que potencia o marco estatal como ámbito de organización política (tanto sexa mediante unha fronte ou unha coordinadora). 

O argumento que se utiliza para este paso atrás na autoorganización é que é circunstancial (malia que se repite unha e outra vez nas eleccións) e, sobre todo, que hai posibilidades reais de gañar as eleccións xerais cunha “candidatura popular” e terminar coa regresión histórica en dereitos sociais, democráticos e nacionais. Agora ben, estes argumentos carecen de sustento, tanto porque Podemos e EU non teñen un proxecto rupturista co sistema, como porque non posúen militancia organizada e capacidade de mobilización para esta tarefa, xa que son unha copia de Syriza, partido ao que todos admiraban (tamén agora?). Polo que abonda con ollar para Grecia para saber cal sería o resultado desta aposta. 

"A posibilidade de que Podemos e EU, xuntos ou por separado, podan gañar as eleccións xerais é hoxe un espellismo, como amosan as pasadas autonómicas e todas as enquisas".

Asemade, a posibilidade de que Podemos e EU, xuntos ou por separado, podan gañar as eleccións xerais é hoxe un espellismo, como amosan as pasadas autonómicas e todas as enquisas. O propio Pablo Iglesias fixa as súas metas en superar o PSOE, polo que dá por descontado un pacto de goberno cun partido sistémico, co que isto implica en limar obxectivos (por exemplo o dereito a decidir de Galiza, Euskadi, Catalunya, etc). Mesmo todas as enquisas apuntan a que o PSOE dobraría en votos a Podemos, e que EU andaría rente do 5% do total. Daquela, nen xuntando as mareas e Podemos nunha candidatura de unidade popular daría para superar ao PSOE, por máis que axude ofrecer unha oferta común. Todo apunta a que a socialdemocracia, á esquerda do PSOE, presentarase en dous proxectos distintos a nivel do Estado español, que terminarán pactando con Pedro Sánchez. 

O BNG fixo ben en tomar a iniciativa propondo unha Candidatura Nacional de Unidade, amosando que o fundamental sempre foi a loita contra a opresión e explotación das clases populares galegas. Foino en Amio e volta a selo nesta conxuntura. Todo fai pensar que na Galiza haberá tres candidaturas importantes disputándose o mesmo espazo electoral, ofertando proxectos distintos. Polo tanto, darase unha forte confrontación de ideas, que non debe impedir a unidade nos conflitos e nas propostas sectoriais ou locais. A fronte nacionalista debe ser quen de achegar todas as forzas que fagan da loita pola soberanía a súa folla de ruta, cun proxecto de xustiza social e democracia popular. Mais, para desenvolver esta tarefa, cómpren un BNG e organizacións de masas do nacionalismo fortalecidas e mobilizadas, e que sexan referente social. 

http://manuelmera.blogaliza.org/