'A gran travesía de Chiruca Macallás' é a súa última novela

O cosmos talasocrático de Xurxo Souto

Mercedes é a patroa do arrastreiro Macallás. As súas mareas, puntuadas de lecturas e mitoloxía mariña, conforman unha xeografía do mar das galegas, unha epopea obreira e unha loanza do mundo do traballo. E revindican a unidade da fachada atlántica. Eis A gran travesía de Chiruca Macallás (Xerais, 2018), o último libro de Xurxo Souto.
 

Xurxo Souto
photo_camera Xurxo Souto. Foto: As Revenidas (Xabicas).

“É unha novela de tese, por suposto”, di, sen asomo de ironía, a Sermos Galiza, “de dúas teses, máis ben: a primeira, Vigo e A Coruña son a mesma cidade; a segunda, rescatar o papel das mulleres no mar”. E sinalar ese mar como “único futuro” para Galiza, unha talasocracia, o goberno do mar, concepto co que Souto (A Coruña, 1966) salfire de seguido o seu discurso.

A obra aparece cruzada polas obsesións do autor, tamén músico e vehemente animador cultural. “Vivimos no centro dun mito. Galiza é unha pedra chantada no océano”, afirma, “e os mitos son o sustento da realidade. Se os mitos pertencen aos homes, a realidade tamén o fará”. É por iso que a súa literatura contribúe a edificar outra mitoloxía. En que o feminino existe. Por caso, as sereas negras que veñen canda os mariñeiros senegaleses embarcados en pesqueiros galegos. Mami Watá!

a gran travesía de chiruca macallás - xurxo souto (cuberta)

Mais A gran travesía de Chiruca Macallás, cuxa protagonista está inspirada pola figura de Mercedes Peón, non é fantasía. Dunha banda, os mitos tamén son a realidade. Da outra, ao escritor preocúpalle que o seu labor axude á revelación do oculto. “Interésame a emoción e a potencia da realidade que fica tapada porque os arquetipos do que debe ser a cultura son outros”, asegura.

Os mundos que retrata este reverso de ficción de Contos do mar de Irlanda (Xerais, 2014) -o anterior libro de Souto, un auténtico documental- non resultan excesivamente frecuentados na literatura actual. Obreiros, clases populares, as subalternas. Aquelas que cantan para resistir a experiencia da explotación. “Até agora, os musicólogos rexistraran os cantos de traballo das mulleres na sega, das campesiñas, pero estamos a desenterrar os das mulleres das conserveiras, por exemplo”, indica.

No Grove, na Illa, en Bueu, en Cangas, as traballadoras cantaban contra o patrón. “É tremendo. [A escritora] Ledicia Costas contoume que no arquivo fotográfico Pacheco só hai unha foto antiga de empregadas de conserveiras. Todas aparecen de costas, agás o propietario”, relata, antes de enlazar coa actual folga do sector, secundada de maneira case unánime por 7.000 mulleres: “É traballo case oculto. Porque son obreiras”.

Rotérdam e o Eixo Atlántico


A outra pelexa en que se embarca A gran travesía é a defensa dunha tese arriscada: “Vigo e A Coruña son a mesma cidade. Só hai que pensar nos barrios de Coia e Labañou, xente que veu das aldeas para traballar na urbe”. Os intereses localistas son asunto das elites, resume, e non populares. “A proba definitiva é que Abel Caballero quere ser Paco Vázquez”, ri.

Fóra das ironías da pospolítica -e das non ironías: “Nin sequera o nacionalismo formulou isto de forma expresa”-, lembra que os peiraos do importante porto de Róterdam (Holanda) miden 80 quilómetros. “Non moita máis distancia entre Vigo e A Coruña”, engade, “pero por terra hai unha sucesión salvaxe de peaxes. A incomunicación é un negocio”.

Estafa educativa


Non son estes dous os únicos silencios aos que se enfronta Souto. Que chegou ao mar porque se sentiu “estafado”. “A miña educación foi un fracaso”, esténdese, “aprendín xeografías exóticas pero non os nomes das pedras da Torre. Nin que o mar que vai de aquí ao cabo Prior ten nome de muller: o Mar de María Antonia”.

A esta “mala educación terrícola”, na que inclúe a crítica literaria que desantendeu o marítimo, opón a escrita de poetas. Máis alá de Manuel Antonio: Xosé Iglesias, patrón do Primero Villar e autor de Transfusión oceánica (Caldeirón, 2014) e A relixión do mar (IEM, 2016); Teresa Ramiro, mariscadora e a piques de publicar o seu primeiro libro; ou Paulo Vilar, que acaba de presentar Entre buguinas e hipocampos. “No século XIII xa Paio Gomes de Charinho, o grande almirante, escribiu do mar. É a pedra sobre a que construír unha literatura en chave de talasocracia”, explica. Á que sumar A gran travesía de Chiruca Macallás, "unha versión extendida de Nordés", célebre canción dos Diplomáticos de Monte-Alto con, xustamente, Mercedes Peón.

A Coruña e Vigo acolleron as primeiras presentacións da novela. Volverá, pero aos barrios. O vindeiro 9 de novembro estará no Liceo de Bouzas (Vigo) -“outra capital do mar”-, o 14 na biblioteca da asociación de veciños de Monte Alto (A Coruña) e máis adiante en Teis (Vigo) ou na Gaiteira (A Coruña). “Será unha ruta vigorenta e coruñenta, vigocoruñenta, como nunca antes se fixera”, avisa.

Comentarios