Opinión

De cosmopaletos e cosmovisións: a cultura en Ourense marcha polo sumidoiro

Se o reconto non me falla a setembro de 2019 o Concello de Ourense deixa de apostar polo Festival de Cinema (OUFF), o Certame de fotografía contemporánea Outono Fotográfico (OF), o ciclo de música de cámara Pórtico do Paraíso, O Festival Internacional de Teatro (FITO), o ciclo de teatro infantil (MOTI), e a Mostra de Teatro Universitaria (MITEU). Entre todos suman máis de 100 edicións, 100 citas culturais, case nada.

Mas a ofensiva contra a cultura en Ourense non xorde tras a chegada do que foi alcalde in péctore e hoxe é alcalde por designio de Baltar Jr, o señor Jácome. Esta é só a fase de consolidación dunha demolición anunciada e planificada pola dereita con non poucas colaboracións, quero pensar que involuntarias, da esquerda institucional no seu momento.

A ninguén pode sorprender que alguén que pasou oito anos sentando no pleno amenazando con demoler a cultura eliminando todo o apoio institucional á mesma leve á práctica as amenazas cando lle dan a oportunidade de facelo. Nada pode sorprender de quen fachendeou de favorecer o fin da banda de música municipal ou dixo a quen quixera escoitar que a cultura “hai que pagala” o que viña a significar, ao fin, que a ignorancia e a prepotencia neoliberais conciben -que sorpresa- a cultura como máis un negocio e unha mercancía.

O que pasa coa cultura en Ourense é o que pasa coa cultura en Galiza e no mundo. O que pasa coa cultura en Ourense é que a esquerda esta perdendo a loita de clases tamén e sobre todo no ámbito cultural.

Un ninguén con vocación de ignorante que relatou as súas visitas a Nova Iorque nos plenos co deslumbre e pomposidade coa que eses pijos da periferia visitan o centro capitalista. Cos ollos deses que odian a aldea e aos que todo o de fóra lles gusta máis, parécelles mellor e matarían por ter nacido nunha desas grandes metropoles. Pero é un dos que nacen e viven nun sitio como Ourense, unha cidade tranquila, pequena, dun país da periferia da europa, mas soñan e ensoñan con convertela en Berlín, Manhattan ou California. Con facer de Seixalbo Silicon Valey e a Praza Maior a Alexanderplatz. Un tipo que se anota de voluntario á campaña elecotral yanquee e volta vendéndose como asesor do candidato demócrata -ou republicano, dálle igual- para sorna das amigas e coñecidas. Un tipo que escoita falar de teatro e pensa en Broadway cando ten na súa cidade os mellores certames teatrais do país no que vive. Un cuñado que chega a alcalde.

Pero quizáis mirar para o títere bobo que non para de azanear non nos deixe ver o importante. Quizáis alguén cunha axenda máis clara e unha visión máis política do uso das institucións como ferramentas ao servizo da súa clase decidiu que sexa o títere o que execute o plan que antes non foi capaz de levar á prática.

De acreditamos que a cultura é máis que entretemento, máis que negocio, máis que un divertimento e mesmo máis que a simple expresión creativa de determinadas individualidades ou colectivos colocámonos fronte a algo máis que a perda duns festivais ou actividades que tiñan non só un público fiel senón unha traxectoria artística máis que consolidada.

O que pasa coa cultura en Ourense é o que pasa coa cultura en Galiza e no mundo. O que pasa coa cultura en Ourense é que a esquerda esta perdendo a loita de clases tamén e sobre todo no ámbito cultural. A prática totalidade de espazos e creacións culturais que perdemos na última década son parte do acervo cultural da esquerda na cidade. Foron e son cuna de ideas e proxectos que narran o mundo dende a cosmovisión da esquerda, do progreso, do amor á humanidade e ao coletivo. Foino a Casa da Xuventude de Benito Losada e todo o que alí naceu e forono as aulas de teatro e os ambientes que na cidade deron cabida ao teatro, a danza e as letras nas últimas décadas. Sono hoxe os espazos que fican em pé loitando contra a burocracia, a intransixencia e a demolición iniciada pola dereita do PP e hoxe executada polo goberno de coalición.

A dereita cosmopaleta e fachendosa da súa incultura por escolla viu na última década como a esquerda perdía pé no ámbito social e claro, no cultural. Non fai falla explicar para quen é ou vive na cidade e non sería doalo facelo para aquelas que son de fóra. Mas o certo é que a creatividade, a comunidade e as redes de activismo e talento que provocaron tsunamis culturais noutras épocas son hoxe apenas pingas de liberdade que conseguen sobrevivir ao abafo institucional e social do deserto ourensán mentres a dereita que o goberna dende sempre planifica e executa a demolición.

Que hai de novo na política de empada e orquesta? Iso xa o facía Fraga con excelentes resultados de crítica -pagada- e público -mercado-. Nada novidoso na aposta da dereita pola aculturación da sociedade. Mentres haxa viño e empada quem quere obras que nos fagan cuestionarnos onde vivimos, como o facemos e cara onde imos. Quen quere pensar se pode, simplemente, distraerse.

O realmente novo do escenario actual [...], o descorazonador é que xa non hai demasiada resistencia fronte á demolición.

O novo, o realmente novo do escenario actual no que o combate é entre unha cosmovisión progresista que se proxecte no futuro bebendo do pasado e a festa gastronómico-musical na que tam ben se controla a comunidade, o terríbel, o descorazonador é que xa non hai demasiada resistencia fronte á demolición. Cada día hai menos base construíndo contrahexemonía e cultura fóra do redil institucional/sistémico e cada paso que demos vivímolo como aquela rá que notaba a auga quentarse e que nunca soubo que morrera cocida.

Mentres o nacionalismo abandonaba o espazo da organización social e a vangarda cultural e o conxunto da esquerda deitaba toda a súa forza na carreira institucional a dereita seguiu sachando baixo os nosos pés. Até hoxe.

Primeiro apropiáronse das actividades sociais coa excusa da colaboración financeira, máis tarde o mundo da cultura deixou de participar socialmente de forma crítica por medo -ou por inercia- ante o finanzador oficial fora este do signo que for, cando quixemos darnos conta as rúas non podían ser usadas sen pagamento de taxas, os cartazes non podían colarse sen ameaza de multa e a expresión ficaba ameazada polas mordazas... un día erguémonos sen festivais internacionais, mas xa apenas ficaba quem lles chorase e quem os saia defender “con raiba, con furor, a metrallazos”.

Nesta loita de clases a cultura é unha baixa na nosa trincheira

Mas é iso o que precisamos, a forza de ducias, centros de proxectos, grandes e pequenos a agromar e tomar a cidade dende todas e cada unha das disciplinas artísticas. Precisamos apoiar e respaldar os movementos de base, os centros sociais, as activistas do cotidiano se queremos que o tecido social demande esa cultura transformadora que hoxe nos rouban peza a peza.

Se queremos que isto mude a serio, que a cultura teña futuro, se acreditamos en que #OurenseMereceCultura o reto é sermos capaces de deixar de mirar o títere e socializar unha análise que vaia alén da perda concreta para construír unha alternativa que volte ás bases, a construír unha base crítica e un movemento cultural capaz de tomar todos os espazos por asalto para enfrontar aos que queren impornos a ideoloxía da súa clase, e con ela a súa cultura, a do mercado e os rendementos económicos, a folclórica que serve ao fin para perpetualos a eles no poder.

Nesta loita de clases a cultura é unha baixa na nosa trincheira.

Comentarios