De se repetir nas eleccións galegas de 2020 os resultados dos comicios estatais deste domingo na Galiza o PP tería moi difícil, por non dicir imposíbel, recuncar no goberno galego e inaugurar un cuarto mandato. Certo que as eleccións estatais e galegas réxense por dinámicas diferentes, que unha parte considerábel do eleitorado muda o voto segundo unha ou outra cita coas urnas.
Mais os resultados deste domingo indican que o PP deixaría polo camiño unha parte importante dos 41 escanos que logrou en 2016. Tería menos de 30 representantes e non lograría a maioría absoluta que precisa. Nen sequera botando man como socios de Vox- que irrompería no Parlamento con 5 escanos de ter nas eleccións galegas a porcentaxe de apoios deste 10N- sumaría.
Pola contra, si que sumaría a oposición. O PSOE podería obter 26-27 cadeiras (ten 14) e o espazo de Galicia en Común lograría 9 (En Marea obtivo 14), mentres que o BNG mantería 6 deputados e deputadas. Sumarían por riba de 40, máis dos 38 que marcan a maioría absoluta.