Opinión

Cos ollos pechados e a mente aberta

Levo case medio ano asomando cada semana nesta columna de opinión no xornal ‘Nós’. Falei aquí de tres temas, a saber: o cambio climático, a pandemia e as eleccións que están por vir, cruciais no noso desenvolvemento como nación rebelde e autónoma. Cruciais se o que queremos é un país libre e non unha submisión total aos intereses alleos. Banais, se o que queremos é a perpetuación monocroma de quen ten como eixo central o esfumino da nosa realidade diferencial.

Falei deses tres eixos: a educación da cidadanía, a toma de conciencia social e política, e a necesidade de formar goberno (non aínda de acadar o poder), pois son eles, todos tres, os elementos necesarios para construír entre nós un país próspero e feliz, libre de ataduras co pasado e sen eivas herdadas nun futuro, que, de non mudar o rumbo, se presinte caótico.

As ataduras do pasado constitúen de vez a maior das pexas para avanzar no camiño da liberación. Esa tendencia nosa, adobiada con crenzas esotéricas e fatalismos varios, á submisión irreflexiva, que só cre na derrota como territorio de conforto.

O futuro está comprometido pola ausencia de proxectos reflexivos e autónomos, a medio e longo prazo, por ese atordamento que ve nos excesos verbais, as mensaxes políticas reducidas a consignas, que se poden escribir na frontal ou nas costas dunha camisola, ou no discurso paranoico e auto referencial, os únicos alicerces para a construción dunha alternativa.

No presente, só a unión cívica para fortalecer un goberno de progreso, que deixe atrás as ataduras do pasado e que afronte con afouteza e análise as incertezas do futuro, pode abrir a brétema espesa dunha xeira que, na continuidade e na ausencia dunha alternativa de goberno, semella caótica e escura.

Por iso, no futuro inmediato, nas eleccións, cómpre votar cos ollos pechados e a mente aberta, coa rabia contida e a determinación insubmisa, cómpre votar por aquelas opcións que abran un sendeiro de esperanza.

Comentarios