A coruñesa Nadia Calviño será candidata a presidir o Eurogrupo

A ministra de Economía e vicepresidenta terceira de Asuntos económicos e Transformación Dixital do Goberno español, a coruñesa Nadia Calviño, aspirará a presidir o Eurogrupo tras a marcha do organismo do seu responsábel actual, o portugués Mário Centeno.
Nadia Calviño, no Congreso.
photo_camera Nadia Calviño, no Congreso. (Foto: EP)

A ministra de Economía e vicepresidenta terceira de Asuntos económicos e Transformación Dixital do Goberno español, a coruñesa Nadia Calviño, aspirará a presidir o Eurogrupo tras a marcha do organismo do seu responsábel actual, o portugués Mário Centeno.

A través dun comunicado, A Moncloa confirmou a presentación oficial da candidatura de Calviño para presidir a reunión de ministros do euro "nun contexto de crise económica pola pandemia da COVID-19 e sendo este un órgano clave para a cooperación entre os Estados membros da zona".

O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, considera que "sería unha honra" para o executivo, e para el mesmo como presidente, que a galega  asumise a presidencia do Eurogrupo, unha responsabilidade "que nunca exerceu España e que tampouco desempeñou antes unha muller".

A propia Nadia Calviño publicou tamén un chío coa seguinte mensaxe: "Presentei a miña candidatura para presidir o  Eurogrupo coa vontade de seguir traballando por unha zona euro forte e próspera en beneficio de todos os cidadáns europeos".

Para acceder ao cargo, Calviño xa ten un rival de forma oficial: o ministro irlandés de Finanzas, Paschal Donohoe, quen aspira a converterse nun candidato de consenso entre as diferentes faccións do Eurogrupo, ao considerarse Irlanda como un potencial intermediario nas desavinzas entre os membros do norte e sur da zona euro, segundo destaca a prensa do seu país.

Ademais, e a falta de formalizar oficialmente a súa candidatura, no momento de escribir estas liñas, dábase por feito que o ministro liberal de Finanzas de Luxemburgo, Pierre  Gramegna, quen xa se postulara en 2017, tamén aspirará a presidir o Eurogrupo.

Comentarios