A Coruña é a cidade galega con salarios máis altos, e Ourense cos máis baixos

Os rendementos das e dos asalariados galegos seguen a estar entre os máis baixos de todo o Estado.

Vigo xente
photo_camera Una rúa de Vigo

A Coruña é, entre as sete principais cidades galegas, a que rexistrou en 2013 un salario bruto anual máis alto, mentres que Ourense tivo o máis baixo. Unha diferenza entre unha e outra anual de case 4.000 euros. Son dados que se desprenden da explotación de mostra continua de vidas laborais que vén de publicar o Instituto Galego de Estatística (IGE).

Así, na Coruña o salario medio bruto anual de todas as persoas asalariadas ao longo do ano de referencia foi de perto de 20.300 euros. O galego está en 16.450 euros de media. Unha media na que se computan quen traballou todo o ano e quen só parte do mesmo. De tomar como base a primeira categoría, persoas que traballaron todo o 2013, o salario bruto medio na cidade herculina foi de 26.142 euros.

Compostela é a segunda cidade con mellores rexistros, pois o salario bruto medio anual foi de 19.200 euros (24.600 para todo o ano), seguida de Vigo, con 18.707 euros (24.873 para os que o fixeron os 12 meses dese exercicio). En Pontevedra a remuneración media bruta anual situouse nos 18.157 (24.347 euros todo o ano).

Ferrol, con 17.276 euros, Lugo, con 17.034, e Ourense, con 16.672, pechan a táboa salarial dos traballadores das sete cidades galegas. En caso de asalariados que traballaron os 12 meses, esas retribucións medias son de 23.470 euros (Ferrol), 22.061 euros (Lugo) e 22.193 en Ourense.

O salario bruto medio dese exercicio en Galiza foi o terceiro máis baixo de todo o Estado español, só superando Canarias e Extremadura.

Comentarios