Iniciativas pioneiras

A Coruña blinda as políticas de igualdade cunha ordenanza para evitar voltas atrás

A ordenanza municipal da Coruña para a igualdade na diversidade impulsada pola Marea Atlántica contou co apoio unánime dos grupos políticos no pleno. Con ela procúrase elevar a igualdade como un compromiso principal do concello, agora e no futuro, goberne quen goberne.

rocio fraga
photo_camera Rocío Fraga

O pasado 6 de maio o pleno da Coruña deu luz verde á ordenanza municipal de Igualdade na Diversidade. Na actualidade atópase en período de exposición pública para recibir melloras por parte da veciñanza.

A ordenanza foi impulsada desde a Concellaría de Igualdade e Diversidade, que ten á fronte a socióloga feminista Rocío Fraga. O texto dá un maior rango ás políticas de igualdade e ten como obxectivo dotar o concello de instrumentos cos que integrar a perspectiva de xénero dentro da súa actividade.

A ordenanza é para a edila Rocío Fraga “o colofón” da traxectoria que a Marea Atlántica tivo estes anos

A ordenanza é para a edila Rocío Fraga “o colofón” da traxectoria que a Marea Atlántica tivo estes anos, no sentido en que dota as políticas de igualdade na diversidade dun marco xurídico-administrativo. Desta maneira as políticas de xénero deixan de ser cuestión de vontade do goberno de turno e pasan a ser medidas a cumprir goberne quen goberne. Nese sentido, Fraga pon o exemplo dos obradoiros de igualdade nos centros de ensino, onde en gobernos anteriores tiñan lugar por vontade e de maneira esporádica, mediante pagos con facturas. Porén, coa nova ordenanza, estas actividades pasan a ser programas educativos, con contratos, orzamentos asignados e co deber de calquera goberno de garantilos ano a ano.

Nese sentido, Fraga afirma a Sermos Galiza que cando chegaron ao consistorio iniciaron “un camiño diferente á etapa anterior”. A edila lembra que os servizos e iniciativas sobre igualdade que houbo nos pasados mandatos na Coruña leváronse adiante precisamente grazas á vontade das traballadoras, principalmente do (Centro de Información á Muller), xa que salvando a etapa do PSdeG co BNG, a área de igualdade como tal no concello non existira.

Xa houbo ordenanzas deste tipo en Euskal Herria e en Barcelona. Mais na Galiza trátase do primeiro concello en tela. Con todo, Fraga matiza que a ordenanza só é un punto de partida e que debe ser ampliada. A ese respecto sinala que o seguinte paso é dotala dun réxime sancionador.

Rocío Fraga sinala que o seguinte paso é dotar a ordenanza dun réxime sancionador

A ordenanza estabelece a organización municipal en materia de igualdade (composta polo Centro de información ás mulleres, a Rede de acollida a mulleres vítimas de violencia de xénero, a Unidade para a transversalidade de xénero, ética e diversidade; o Consello municipal de igualdade...). Así mesmo, a ordenanza marca tamén o compromiso de elaboración dun plan de igualdade como documento que estabeleza o desenvolvemento e a concreción da política municipal nesta materia. Plasma tamén o compromiso da igualdade na xestión do persoal municipal e dedica un capítulo exclusivo ás violencias machistas, deseñando medidas de intervención, prevención, sensibilización, formación e atención e protección das vítimas.

O empoderamento das mulleres, a corresponsabilidade e o uso non sexista da linguaxe tamén están regulados na ordenanza xunto o compromiso de definir, con carácter previo á elaboración de calquera norma ou actividade municipal, o impacto de xénero que esta terá.

Inclúe un capítulo encamiñado a incorporar a perspectiva de xénero na contratación e as subvencións públicas

Na ordenanza tamén se estabelece o desenvolvemento de proxectos coeducativos dirixidos ás novas xeracións, “libres de estereotipos e prexuízos de xénero”. Ademais, inclúe un capítulo encamiñado a incorporar a perspectiva de xénero na contratación e as subvencións públicas.

Con esta medida, o goberno da Marea Atlántica dá continuidade a outras iniciativas feministas que levou adiante, como o Pacto social por unha cidade libre de violencias machistas, a Instrución para a transversalidade de xénero, o Plan de igualdade para o persoal municipal ou a Escola de empoderamento feminista.

Comentarios