Imprimir

Corte

Xavier Queipo | Escritor.

Xavier Queipo | 26 de xuño de 2020

En galego a palabra corte ten unha morea de acepcións, pois pode ser substantivo masculino ou feminino. En masculino é a acción de cortar, un anaco de tea, un tipo de xeado, a manifestación do carácter dunha persoa e varias outras opcións máis, que para o caso que vou argumentar non interesan. Mais en feminino, o substantivo ‘corte’ ten tres acepcións: a) o lugar onde se garda o gando, que no caso dos porcos pode ser chamado tamén cortello, b) a residencia de El-Rei, a súa familia e a xente que está ao servizo e, c) cando en plural, as dúas cámaras lexislativas, o Parlamento estatal e mais o Senado, as Cortes.

Nestes últimos tempos vénse venteando moito o que acontece (e aconteceu) na corte en particular e nas cortes e cortellos en xeral. E acrediten que cheira a xurro que adoece, que fai puír os ollos e anubra a vista.

Tal parece que na nosa inxenuidade política, non estabamos informados que esa era, precisamente, a esencia mesma de calquera corte, o cobrar comisións, a práctica do amor libre ou mercenario, a recepción de décimos e primicias polos súbditos, a concesión de favores en troques de submisión, lealdade e silencio, sobre todo silencio cómplice.

Hai un refrán, co que non concordo, que vén dicir “Ben cheira o diñeiro, inda que veña dun esterqueiro”. Iso é o que deberon pensar o Bribón e os seus acólitos, falsarios e pillabáns todos eles, cando se dedicaron, con especial habelencia, a acumular na distancia as ganancias das súas operacións financeiras. Eses cartos roubados ou ‘despistados’ das arcas públicas teñen que ser devoltos e, nese exercicio hixiénico, pasarán de feder a xurro a limpar as vergonzas do Estado.

Cheira que fede a cortello e atorda os sentidos, mais non hai que caer na tentación de virar as costas ou a face cara a outro lado. Non. Hai que confrontar os bechos desa corte, os que ocasionan esa orxía fedorenta e plantarlles cara. Retirar o gando infectado e fumigar a conciencia as cortes onde eles moran. 

Podes ver este artigo na próxima dirección /opinion/xavier-queipo/corte/20200625105022100179.html


© 2020 Nós Diario