A Mesa denuncia a “cativa lexislación” que ampara o uso da lingua

El Corte Inglés despreza un cliente por lle falar galego

Nin sequera no ámbito do consumo, e da beira do cliente, están garantidos os dereitos dos e das galegofalantes. Comprobouno en carne propia un cliente dos grandes almacéns El Corte Inglés cando o pasado 27 de decembro chamou á grande superficie de Santiago de Compostela para preguntar polo seu horario comercial. “Hábleme español!” foi a resposta do servizo de atención ao público do centro.
 

large_corte_ingles_compostela
photo_camera El Corte Inglés de Santiago de Compostela. Foto: cedida.

“No servizo de atención ao cliente aseguráronlle non entendelo, polo que se non lles falaba en castelán non o atenderían”, denuncia A Mesa pola Normalización Lingüística, que recibiu esta queixa a través da Liña do Galego, coa que recolle consultas, queixas ou parabéns relacionados cos dereitos lingüísticos.

Despois de recibir o aviso do usuario, A Mesa púxose en contacto con ese servizo de El Corte Inglés para “recriminarlle a súa actitude”. Mais a superficie comercial reafirmouse nela.

“Este é un exemplo máis da febleza da cativa lexislación que ampara o uso do galego”, sinala o presidente da Mesa Marcos Maceira, “e da necesidade de se ter admitido a trámite no Parlamento de Galiza a ILP de garantía dos dereitos lingüísticos no ámbito socioeconómico avalada por 28.000 sinaturas e impulsada pola Mesa”.

“Ningunha empresa, por privada que sexa, pode tratar a clientela galega como unha clientela de segunda nin negarlle un servizo polo feito de falar na súa lingua, que é a propia e oficial do territorio no que vive”, conclúe Maceira, quen anuncia que desde A Mesa instarán á Secretaría Xeral de Política Lingüística a que actúe “ante a vulneración flagrante dos dereitos básicos dun cliente”.

Comentarios