CORRELINGUA 2019

O galego é a formula, as rúas de Santiago o camiño

Máis de 1.700 nenos de 20 centros escolares da comarca de Compostela participaron esta segunda feira na 19ª edición do Correlingua. Co lema "O galego é a formula" manifestáronse a favor do uso da lingua nas materias de ciencias. 

2019050617524743053
photo_camera Algúns dos rapaces e das rapazas asistentes o evento en Praza da Quintana

Aínda que o bo tempo non continua na Galiza, si deu un descanso para a celebración do Correlingua en Santiago de Compostela. A Praza da Quintana foi o lugar de reunión dos nenos, nenas e profesorado que acudiron á segunda xornada da 19ª edición deste evento organizado pola Mesa, AS-PG e CIG-Ensino. Desde ese mesmo emprazamento dou comezo unha carreira que continuou polas rúas do casco vello compostelán.

Ás 11 da mañá, 1.700 alumnos (segundo cifras achegadas pola organización) de 20 centros de Santiago e de vilas próximas (como Ames e Ordes) e non tan próximas (Ribeira e Arzúa) marcharon por rúas e prazas da cidade como A Conga, Toural, Caldeiraría, Preguntoiro ou a Praza do Obradoiro en prol da defensa da lingua.

esta2

Baixo o lema O galego é a formula os máis pequenos encabezaron un correlingua que clamou en todo momento pola defensa do galego no ensino e, cunha chiscadela de homenaxe aos 150 anos da táboa periódica. Ataviados con cartaces de “non a deixes caer” ou “espreme a túa lingua”, a serpe estudantil non cesou en gritar “non nos mires, únete” aos transeúntes.

A poucos minutos de que deran as 12 do mediodía, o ruído da multitude volveu ao punto de saída. Tales foron os berros dos nenos e nenas ó chegar a Praza da Quintana que chamaron a atención das persoas visitantes alí presentes. Este barullo foi reforzado pola voz dunha enérxica e reivindicativa Isabel Risco. “Grazas a todos vós por facer unha festa rachada coa lingua galega, sodes o futuro do noso idioma” foron as primeiras palabras da actriz, quen, un ano máis, presentou o manifesto e a entrega de galardóns.

esta3

O IES de Carral, gañador do concurso do manifesto, foi o encargado de ler a proclama. Nove alumnas subiron ao escenario para reivindicar a lingua galega como idioma vehicular na ciencia. “O galego é o noso símbolo, temos química ca nosa lingua, agora é o momento” clamou unha das rapazas, ”berrade connosco, berrade ben forte que se nos escoite, o galego é a formula e nos somos o elemento”.

Tras esta lectura, foi a quenda de que as institucións organizadoras tomasen a palabra. Os representantes da Mesa pola Normalización e da CIG Ensino dedicaron sendas palabras (ademais da Deputación da Coruña e do Concello de Compostela). 

O secretario comarcal da CIG Ensino, Rubén Fernández, fixo referencia ó decreto do Plurilingüísmo aprobado pola Xunta, “este ano cúmprense dez do decreto que cambiou para sempre e para mal a historia do galego”. Pola súa parte, o presidente da Mesa, Marcos Maceira, reivindicou que “a lingua precisa que un país enteiro a fale, algo que representamos no Correlingua”.

esta4

Para rematar, Isabel Risco dou paso á entrega de premios do Concurso de Banda Deseñada. En 3º lugar quedou o IES Leliadoura (Ribeira). A alumna Paula Barreiro, que cursa 1º de primaria, declarou a Sermos Galiza que “o Correlingua é unha boa iniciativa que promove o uso do galego. No colexio hai materias que non podemos dar nesta lingua na que nos gusta falar”.

No 2º posto quedou o CPI Antonio Orza Couto (Boqueixón). Emma, que cursa 5º de primaria neste colexio, afirmou a este medio que “o galego estase perdendo substituído polo castelán” e mostrouse partidaria da existencia de “máis canles en galego e tamén máis materias, para que este non se perda”.

O concurso de cartaces gañouno o CEP de Ventín (Biduído). Uxía, María, Martina e Saínza, alumnas de 5º de primaria, amosáronse concordantes no carácter divertido da iniciativa e da súa necesidade á hora de defender a lingua nai, a cal afirman “hai que falala máis”.

Fotografía 1: Os nenos e nenas co cartaz "o galego é a formula" encabezando o corredoiro. Fotografía 2: As alumnas do IES de Carral lendo o manifesto. Fotografía 3: Os rapaces e as rapazas do CEP Ventín recollendo o 1º premio.

Comentarios