Cultura

É correcto o uso do termo 'desescalada'?

En Portugal, malia estar recollido, non se emprega co confinamento
A palabra 'escalada' aparece, por exemplo, no 'Gran Dicionario Xerais da Lingua'.
photo_camera A palabra 'escalada' aparece, por exemplo, no 'Gran Dicionario Xerais da Lingua'.

As situacións insólitas adoitan traer consigo unha recua de novas palabras que conquistan o noso discurso diario. Corentena, confinamento, resiliencia, pandemia ou máscara incrementaron de maneira abisal o seu uso nos últimos tempos.

Se algúns termos xa se atopaban na lingua, outros novos poden xurdir, como é o caso da 'desescalada', tan empregada nas últimas semanas. Este neoloxismo, de forma idéntica en castelán, espertou polémica por parte da Real Academia Española, que nun primeiro momento o desaconsellou por consideralo calco do inglés, mais rematou por admitilo como unha alternativa válida. Que acontece co galego? Cómpre falarmos de desescalada?

Manuel González, coordinador do seminario de Lexicografía da Real Academia Galega (RAG) e director do Servizo de Terminoloxía Galega (Termigal) do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, non atopa en principio un gran conflito con esta palabra.

'Escalada' está recollida no dicionario da RAG, procedente do inglés 'escalation', para referir un "aumento brusco ou gradual de certos fenómenos"

'Escalada' está recollida no dicionario da RAG, procedente do inglés 'escalation', para referir un "aumento brusco ou gradual de certos fenómenos", aplicada con frecuencia a conflitos armados, na enésima mostra do discurso bélico co que o Goberno estatal enfrontou a COVID-19.

"Unha vez admitida 'escalada', nada impide crear unha derivada con sentido negativo", explica González. De facto, como destaca Inés Veiga, traballadora do Termigal, atopamos equivalentes da palabra en linguas veciñas como o portugués ou o francés.

Dado que é 'escalada' o substantivo que figura, esta solución sería preferíbel fronte a 'desescalamento' ou 'desescalado', que tamén foron empregadas. Para alén do máis, cómpre destacar que existen outras palabras na lingua que poderían empregarse igualmente quer no sentido positivo ('ascenso', 'subida', 'aumento') quer no negativo ('descenso', 'baixada', 'redución').

Máis problemática resulta a nova acepción que está a adquirir a voz, como "o proceso de recuperación da normalidade", opina González

Máis problemática resulta a nova acepción que está a adquirir a voz, como "o proceso de recuperación da normalidade", opina González. En lugar de falarmos dunha "desescalada das medidas de confinamento", onde o termo refire o descenso, esténdese o seu uso como fase de retorno ao status quo: "Feixoo presentará unha proposta de desescalada para a Galiza". Este novo significado xa é máis discutíbel, se ben é certo que "está a ter moito uso en redes sociais e medios de comunicación", valora González.

Noutras linguas

'Desescalada' é un neoloxismo recente. "En castelán e catalán, por exemplo, aínda non se rexistra nos dicionario de referencia, aínda que algunhas institucións están a pronunciarse favorabelmente acerca do seu uso", explica Veiga. A primeira aparición no corpus do español data de 1986, se ben noutras linguas é anterior. "O francés 'désescalade' incluíuse por primeira vez nunha obra lexicográfica xa en 1968", apunta.

Atópanse ademais equivalentes no italiano 'de-escalation' ou 'deescalazione', no inglés 'de-escalation' e no propio portugés 'desescalada', que apoian a creación do antónimo da voz 'escalada' recollida nas obras de consulta galegas. Mais sobre a súa inclusión na norma, o importante sería agardar a ver se se consolida, entendendo que "os dicionarios non poden fechar os ollos ao uso", opina González.

A resposta do portugués

A entrada de novas palabras na lingua é un fenómeno que acontece decote, mais do que non adoitamos ser conscientes. No galego esta inclusión tende a facerse "coa mesma semántica e morfoloxía do castelán. As persoas reintegracionistas estamos pendentes de como entran as palabras e procuramos a solución máis próxima á adoptada nos países lusófonos", explica Eduardo Maragoto, presidente da Associaçom Galega da Língua.

"As persoas reintegracionistas estamos pendentes de como entran as palabras e procuramos a solución máis próxima á adoptada nos países lusófonos", explica Eduardo Maragoto

Curiosamente 'desescalada', introducida a raíz do discurso político estatal, é unha palabra recollida en dicionarios de portugués. Porén, en Portugal non se está a empregar para nomear esa fase de volta é normalidade. Quer o Goberno quer os xornais falan máis ben de "desconfinamento progressivo", empregando o adxectivo para outorgar ese valor gradual dunha "transição controlada". Sería esta, pois, a fórmula máis achegada á "coordinación que procuramos coa lusofonía", apunta Maragoto, que entende ademais que encaixa coa tendencia de precisión da prensa portuguesa.

Comentarios