PSOE, PP, BNG, Ciudadanos e críticos de D.O apoian a iniciativa

A corporación de Ourense insta a Jácome a que dimita como alcalde

O rexedor e outro edil de Democracia Ourensá foron os únicos en manifestarse en contra da moción. “Non teño que ensinar as contas, teñen que demostrar eles que eu son culpábel", advertiu Jácome sobre as acusacións de xestión irregular de fondos para o partido.
jácome, ourense, democracia ourensá, pleno, dimisión
photo_camera Sesión plenaria de Ourense. (Foto: Concello de Ourense)
O pleno da corporación municipal de Ourense acordou solicitar a dimisión ao actual rexedor, Gonzalo Pérez Jácome. A moción presentada polo Bloque Nacionalista Galego(BNG) contou, ademais, co apoio de Ciudadanos, do Partido Popular (PP), do Partido Socialista Obreiro Español(PSOE) e dos catro concelleiros críticos do grupo de Democracia Ourensá(D.O), votando só en contra Armando Ojea e o propio Pérez Jácome.
 
Malia que nos últimos días se daba por feito o trunfo da proposta do BNG, os nacionalistas non agardaban un resultado tan rotundo, posíbel ao sumarse á ultima hora os representantes populares á solicitude do BNG. Así e todo, a probación da moción non vai provocar a dimisión de Pérez Jácome, dado o seu carácter non vinculante.
 
O debate da iniciativa onde se solicitou a dimisión de Pérez Jácome serviu para analizar a crise do Goberno na que se instalou Ourense tras a saída do Executivo local dos catro concelleiros críticos de Democracia Ourensá e dos sete representantes do Partido Popular. O autor da iniciativa, o portavoz do BNG, Luís Seara amosouse moi duro co Jácome, a quen cualificou como “a esencia mesma da corrupción, por confundir o público co privado e confundir ao concello coa súa empresa”, se ben sinalou que “o problema non remata coa súa saída da alcaldía”. “O grande responsábel do que está acontecer é Baltar e Feixoo que bendiciu a operación”, destacou Seara quen sinalou que Jácome “só tiña utilidade para blindar a Baltar na deputación e para evitar que Feixoo tivese outro competidor pola dereita en Ourense”.
 
O ton das dúas expresións da dereita na corporación foi diferente. O portavoz de Ciudadanos, José Araujo acusou a “Jácome de crear Democracia Ourensá para facturar e Democracia Ourensá é unha empresa creada por Gonzalo Pérez Jácome para chegar ao poder de Ourense”. Ao tempo, criticou ao rexedor de “ofrecer un produto que logo cambiou para ser alcalde” e sinalou que “o futuro de Ourense pasa por un acordo entre o PP e o PSOE” ou deste último con Jácome. Pola súa banda, o representante do PP, Jesús Vázquez considerou que “estamos nunha situación grave”, defendeu a xestión do primeiro ano do Goberno e solicitou a Jácome “explicacións e exemplaridade con maiúsculas” para restaurar a” honorabilidade do Goberno que nó abandonamos por perder a confianza en vostede”
 
O portavoz dos socialistas, Rafael Villarino afirmou que “exemplificamos hoxe aquí o fin dun experimento lamentábel onde hai dous responsábeis Feixoo e Baltar e un axente secreto o señor Caride”, considerou que “o alcalde non é unha vítima, a vítima é Ourense. Púidolle a ambición persoal e traizoou a vontade de cambio dos ourensáns” e denunciou a tentativa dos concelleiros críticos de Democracia Ourensá de tentar evitar a celebración do pleno”, contactando cos concelleiros socialistas para que non acudiran.
 
Jácome mantívose no seu discurso dos últimos días. O rexedor acudiu a argumentos de tipo xurídico-formal para negarse a explicar as irregularidades contábeis na súa formación que investiga a xustiza, sinalando que “non teño que ensinar as contas, teñen que demostrar eles que eu son culpábel. O PP, o partido da Gurtel, o partido corrupto  dime a min que lle ensine as contas, as contas compétenlle a Democracia Ourensá e ao Tribunal de Contas. Non vou ensinar as contas do partido, como imos presentar os extractos bancarios”.
 

Comentarios