Narf, o elemento estraño que fecundou o rock galego

Os Quinindiola, Nicho Varullo e Psicofónica de Conxo son tres dos conxuntos que fixeron parte do ADN do músico e compositor compostelán.

En toda escena da música pop e rock hai unha cara A, formada por grupos coñecidos ou recoñecidos, e unha cara B, composta daqueles grupos que habitan e medran nas marxes. En toda escena agás en Galiza, onde todo é unha inmensa cara B. Mais é nas caras B onde xorde o pentagrama torto, que é o pentagrama que leva a novas posibilidades rachando coa comodidade. Narf estivo presente en tres grupos que representaron como poucos a posibilidade de novos pentagramas tortos na música galega: Os Quinindiola, Nicho Varullo e A Psicofónica de Conxo.

narfOs Quinindiola foron unha laparada como poucas no rock deste país. Inclasificábeis. Fran Pérez Narf non estaba na primeira formación (Xelís de Toro, Pepe Sendón, entre outros) mais uniuse ao proxecto achegando unha visión ampla e desafiante. Alí estaban nun inicio The Jam e The Stooges mais axiña se tinguiu con achegas que arrecendían a cultura negra, desde James Brown até aquel primeiro hip-hop. Falamos dos 80. Foron rupturistas. Non de boca, de verdade e en galego. Temas como 'Un home animal' é un deses temas que traspasan épocas. 'Faime mal' soa hoxe desafiante e premonitoria: “Non quero ir ó ceo / a eternidade faime mal”.

Acabou Os Quinindiolas e chega Nicho Varullo. Palabras maiores, moi maiores. Post-punk, poesía, zona vella picheleira. Hai un momento en que o rock galego opta por deixar claro que non é unha brincadeira. E aí estaban Os Nicho, a finais dos 80 e principios dos 90, removendo a terra que pouco despois explotaría na escena hardcore compostelá, de Fame Neghra a Dirty Barriguitas e Os Túzaros, entre moitos outros.

Mais agora estamos a falar de Nicho Varullo. Carlos Santiago e Narf como alicerces. Un disco publicado nun selo montado grazas aos cartos que Xelís de Toro gañara nun certame literario de Lugo: Spectra. Aí se editou o único disco de Nicho Varullo, unha xenialidade en cartón con deseño de Fausto C. Isorna. Compostela, daquela, comezaba a molar, como un día escribiu Mario Regueira. 'Casco Vello', 'En tu látigo' ou 'Llegó el polaco' son algúns dos 7 temas dese traballo, xa para sempre un clásico do rock de Galiza. Había post-rock, había poesía. E había, tamén, pentagramas tortos.

Como Os Qunindiola, Nicho Varullo morreu sen pena nin gloria ante os ollos da elite cultural galega. Grazas a deus, non soportariamos esa mediocridade, que diriamos parafraseando a The Pogues. Mais non acaba aí o ADN de Narf, o pulso por explorar e debullar nas marxes do pop e rock desde Galiza. Naceron, a finaos dos 90, Psicofónica de Conxo. Fran Pérez , Pepe Sendón, Carlos Santiago, Xavier Olite, Suso Alonso e Marcos Teira.  Unha aposta tan afouta como marabillosa, que durou até 2005. Outra vez esas letras. Outra vez esas músicas. E outra vez, ese pentagrama torto.

Comentarios