O coronavirus trunca a boa xeira dos hoteis

Os efectos do coronavirus acaban coa boa xeira dos hoteis na Galiza, que o pasado mes bateron datos de ocupación.
Gran Hotel da Toxa (Hotusa).
photo_camera Gran Hotel da Toxa (Hotusa).

O sector hoteleiro galego estaba a vivir un momento doce antes da chegada do coronavirus. En febreiro bateu os seus rexistros históricos do segundo mes do ano ao anotar un total de 382.586 estadías, o que supón 13,8% máis que no mesmo período de 2019, segundo os datos publicados onte polo Instituto Nacional de Estatística (INE). Mais rematando xa marzo, o panorama do sector é moi diferente. 

O pasado sábado, en cumprimento co acordado polo Goberno estatal, a Xunta ordenaba o feche dos hoteis da Galiza, coa única excepción daqueles aloxamentos que sexan necesarios para acoller as turistas en tránsito que quedaron atrapadas pola situación de alarma, as traballadoras das empresas de servizos de primeira necesidade, así como de provedores que aseguren o abastecemento.

Dentro das medidas para conter a expansión do virus, o Centro de Coordinación Operativa, dependente do Goberno galego, tamén permite que, "en coordinación cos servizos sociais dos concellos", algúns destes estabelecementos poidan abrir para acoller colectivos que presenten unha "especial vulnerabilidade social", como son as persoas sen fogar, as vítimas de violencia de xénero e as que sofren exclusión social.

As empresas do sector xa traballan para prestar estes servizos, mesmo para converter algúns deles en hospitais, no caso de que o Sergas o requira. "O sector está receptivo e xa contamos con hoteis en Lugo, Compostela e Pontevedra, aos que se sumarán proximamente Ourense e A Coruña", afirmaba esta fin de semana o presidente do Clúster de Turismo, Cesáreo Pardal. "Non hai un listado definitivo de hoteis […] nin tampouco hai obriga nin data para pór a disposición da Administración eses hoteis. Simplemente é unha previsión, para estar preparados ante a evolución da enfermidade", apuntou.

Empresarias 'tocadas' polo feche de estabelecementos 

O turismo é un sector chave da economía galega, tanto que a propia Xunta chegou a fiar a un acontecemento como o Xacobeo os seus orzamentos para o presente ano, que con toda seguridade deberá revisar en canto se normalice a situación. Nel, emerxen moitos nomes propios, como o de Amancio López

O chantadino é o líder do sector na Galiza en canto a oferta hoteleira, seguido a certa distancia polo grupo Oca Hoteis, e a moita maior distancia por Carrís Hoteis e Alda Hoteis, as outras grandes cadeas do país. Dirixe o grupo Hotusa, ao que pertencen as marcas Eurostars e Exe, entre outras, con estabelecementos tan emblemáticos como o Gran Hotel da Toxa ou o Hotel Atlántico da Coruña. 

Este último vén de presentar un Expediente de Regulación Temporal de Emprego (ERTE) para todo o persoal pero, a diferenza do que acontece noutros hoteis, neste caso é por problemas de tipo económico e non por causa de forza maior. 

O anuncio prodúcese só dous anos despois de que Hotusa se fixese coa xestión do hotel, emprazado nun edificio propiedade do Concello da Coruña e supón un importante golpe para os preto de 40 empregados, xa que ao facerse por esta vía só cobrarían 70% do seu salario.

Non é a única polémica de Hotusa nesta crise. A CIG xa denunciou que a empresa se estaba a aproveitar da situación para "aplicar despedimentos moi selectivos" nas oficinas que a central de vendas ten na localidade natal do empresario galego.

Aperturas adiadas

Outro dos nomes propios do sector na Galiza é o empresario Manuel Jove, que ten varios estabelecementos no país, en Catalunya e Madrid que xestiona baixo o nome de Attica 21, mais tamén a propiedade dos luxosos hoteis Hilton e Four Seasons de Casablanca e Tánxer, en Marrocos. O virus vai incidir especialmente nos traballos de construción do novo hotel da cadea fronte ao areal de Samil, en Vigo, con licenza desde o pasado mes de xaneiro e que a firma galega contaba con ter aberto este mesmo exercicio.

O mesmo vai suceder con outros estabelecementos, como é o caso do primeiro hotel da prestixiosa cadea Hilton na Galiza. O Double Tree da Coruña, detrás do que está o empresario José Souto, con quen Jove xa fixo negocios, non poderá abrir as súas portas para acoller as súas primeiras clientas en Semana Santa, xa que a ampliación do estado de alarma leva o confinamento moito máis aló desa data.

O Parador de Muxía, prometido polo Goberno español após a catástrofe do Prestige, figura tamén entre os estabelecementos afectados por esta medida, xa que a Semana Santa é un dos momentos de maior afluencia de clientas de todo o ano. 

Polo de agora, o sector non ten estimacións do impacto que a crise do coronavirus pode deixar finalmente nas súas contas, pero todo parece indicar que será cuantioso. Tamén agardan que as reservas experimenten un forte crecemento unha vez remate o período de confinamento, aínda que non serán suficientes para salvar o que parece ser un Annus Horribilis para un dos piares da economía galega. 

Comentarios