O coronavirus convulsiona o deporte mundial

A halterófila Irene Branco, primeira grande afectada galega polo pánico global o COVID-19
A decisión de suspender o Mundial de Halterofilia impedirá a Irene Blanco defender o título de 2019.
photo_camera A decisión de suspender o Mundial de Halterofilia impedirá a Irene Blanco defender o título de 2019. (Foto: FGH).

A psicose colectiva desatada pola expansión do coronavirus fai estragos, tamén, no mundo do deporte. Fútbol, baloncesto, ciclismo... até os Xogos Olímpicos, que este ano se disputan na cidade xaponesa de Toquio e que se levan desenvolvendo ininterrompidamente desde a fin da Segunda Guerra Mundial, poden estar en perigo.

Non importa a relevancia da competición, ou que o país no que ten lugar non vivise casos até o de agora, para que sexan adiadas sine die ou disputadas a porta pechada.

É o caso de varias probas ciclistas históricas como o Giro de Italia, do que a súa celebración pende dun fío; a Champions League de Fútbol, que xa ten programados varios partidos a porta pechada, sen espectadores; ou do Campeonato do Mundo de Halterofilia, que estaba previsto que se levase a cabo entre o 14 e o 21 de marzo en Bucarest, capital de Romanía, unha nación que no momento de escribir estas liñas continuaba a confirmar oficialmente a presenza de tan só catro infectados no seu territorio, unha das cifras máis baixas de Europa.

Porén, a Federación Internacional de Halterofilia (FIH) decidiu cancelar o certame alegando que "involucrar persoas duns 80 países nun espazo pechado, e no que moitas mans tocarán as mesmas barras e discos" é un perigo para a saúde pública. 

A pesar de recoñecer nun comunicado que o risco "é baixo", a drástica decisión da FIH fixo voar en mil anacos a planificación da tempada 2020 da halterófila galega Irene Branco Tarela, que tiña pensado defender en Bucarest o triplo título mundial sub 17 da categoría +81 quilos que conquistara o pasado mes de marzo na localidade de Las Vegas, Estados Unidos.

"Unha faena moi gorda". É a gráfica definición que fai para Nós Diario a propia Irene sobre a cancelación por parte do organismo internacional dunha competencia que condicionou toda a súa preparación.

"Fastidiáronme a tempada.  Eu estaba moi forte, súper motivada, e isto deixoume baleira. Sei que teño moito tempo para explotar o meu potencial, pero claro que me molesta, obviamente, malo sería que non me molestase, porque a preparación foi moi dura", apunta, anoxada, a deportista.

Ademais, Irene Branco revela que recibiu a noticia non da man do propio organismo internacional, ou do seu homólogo a nivel estatal, senón polo grupo de WhatsApp do Club Halterofilia Coruña, no que milita.

Márcase como reto, a modo de descafeinado substituto, o Campionato de España Junior, que se desenvolverá na súa casa, a cidade da Coruña, durante o vindeiro mes de abril, mais, como ela mesma sinala, "non é o Campionato do Mundo". "Como teño a vantaxe de competir na casa, e non me xogo tanto como nun Mundial, irei a polos récords de España, que están en 101 e 120 quilos", engade.

"Quizais se xa lles pasou a parvada -como apunta a propia Irene- en setembro tamén poida competir no Campionato de Europa, que está previsto que se dispute en Finlandia".

Comentarios