Opinión

Coronavirus, comunidades de montes e cumprimento da lei

Os estados de alarmas, como calquera dos estados excepcionais, anulan dereitos colectivos fundamentais da veciñanza. Se a isto lle engadimos, como no caso do Estado español, que todo o poder está nas forzas de orde público, xa temos o lío montado. As forzas de orde público non se distinguen polo dialogo, a flexibilidade, o razoamento. Distínguense por todo o contrario. Polo ordeno e mando.

O que vén a continuación non é un conto, nin unha ficción. Aconteceu realmente. Aproveitando o réxime de confinamento que padecemos, algún desalmado verteu lixo (inertes e plásticos) nun monte veciñal dun concello costeiro de mais de 10 mil habitantes. A comunidade de montes tivo coñecemento deste feito ilegal o día 29 de abril, e, ao dia seguinte, o presidente da comunidade de montes dirixiuse ao posto da garda civil do concello para presentar a correspondente denuncia.

Cando o presidente da comunidade de montes foi recibido por un número da garda civil, o primeiro que lle dixo este foi que se viña a presentar unha denuncia por verquidos no monte veciñal era porque fora ao monte e, xa que logo, rachara o confinamento. O que incumprira a lei fora o presidente da comunidade de montes.

De nada lle valeu ao presidente da comunidade de montes explicar que estaba a denunciar un atentado contra o medio ambiente. Se non denunciaba, por mor da lei de verquidos, o responsábel do mesmo sería a comunidade de montes e, como tal, sería sancionada. De nada valeu que o presidente da comunidade de montes se atopase no monte para ver os traballos que había que facer nas veiras da pistas forestais para cumprir a lei de prevención e de defensa contra os lumes forestais, e que os traballos forestais estivesen permitidos no confinamento. O número da garda civil só repetía como un loro: “todo o que ti queiras, pero incumpriu a lei do confinamento”.

Logo de case media hora deste dialogo surrealista, o número da garda civil accedeu a facer a denuncia dos verquidos ilegais, mais deixou no aire a sanción pola rotura do confinamento (que seguramente lle caerá ao presidente da comunidade de montes).

Seguramente e afortunadamente, casos coma este non serán frecuentes, xa que a de desalmados non é a especie, afortunadamente, que máis abonda na sociedade. Mais o estado de alarma e o seu confinamento levarán a que as comunidades de montes incumpran varias leis. Por mor de ser suxeitos pasivos no Imposto sobre sociedades, as comunidades de montes teñen que presentar as contas do ano pasado na Axencia Tributaria antes do 30 de Xuño. Contas que teñen que ser aprobadas por asembleas xerais das comunidades de montes que se realizan entre os meses de marzo a xuño. Asembleas que non puideron facerse por mor do estado de alarma. Xa que logo, as comunidades de montes terán que presentar as contas, non cumprindo a lei na súa totalidade. Mais este incumprimento obrigado das comunidades de montes non remata aquí. Pasará tamén co envío do listado da veciñanza comuneira, coas realizacións das asembleas xerais ordinarias en tempo e forma.

A consellaría do medio rural non moveu un palleiro para solucionar estas contradicións derivadas do estado de alarma (solucións que poderían ser: exención da presentación, ou presentación cando se levantase o estado de alarma). Se cadra fíxoo adrede. Non esquezamos que nunha das últimas modificacións da lei de montes veciñais, a que compete a declaración dos montes veciñais en estado de abandono, estes poden ser declarados como tales se se dá algún incumprimento das obrigas legais. E se son declarados en estado de abandono poden ser entregados de balde ás empresas forestais e madeireiras.

Non estamos pedindo que se rache co estado de alarma. Estamos dicindo que este ten que ser flexíbel e adaptado ás diversas realidades. Volve pois xurdir a necesidade da capacidade de decidir de Galiza. Porque falarlle aos e ás gobernantes de Madrid de monte veciñal e de comunidades de montes é como falarlle a quen isto escribe dos furados negros do universo. Nin a máis mínima idea.

Comentarios