Corea do Sul ameaza con “reducir Pyongyang a cinsas” en caso de indicio de ataque nuclear

A advertencia chega despois da quinta proba nuclear, a máis grande até o momento realizada polo Norte, que esixe o recoñecemento como Estado nuclear lexítimo. 

Misil balístico surcoreano (Imaxe: Yonhap)
photo_camera Misil balístico surcoreano (Imaxe: Yonhap)

Corea do Sul ten deseñado un plan para destruír Pyongyang e “reducilo a cinsas” en caso de indicios dun posible ataque nuclear. Así o aseguraron fontes militares surcoreanas á axencia de noticias Yonhap, próxima ao goberno de Seúl, que tamén revelou nos últimos días a creación dunha unidade especial para destruír a cúpula política e militar do Norte.

“Todos os distritos de Pyongyang, particularmente nos que poda estar escondido o líder norcoreano, serán completamente destruídos por mísiles balísticos e proxectís de alto poder explosivo tan pronto como o Norte amose signos de usar arsenal nuclear. Noutras palabras, a capital do Norte será reducida a cinsas e borrada do mapa", recolle a axencia surcoreana. 

"A capital do Norte será borrada do mapa", aseguran fontes militares de Seúl. 

A advertencia chega dous días despois de que Pyongyang levara a cabo a quinta proba nuclear da súa historia, a máis grande realizada até a data. Un portavoz do ministerio de Exteriores norcoreano sinalou que seguirán aumentando a súa forza nuclear ante a ameaza estadounidense, solicitando ademais que se lle recoñeza como Estado nuclear lexítimo. 

Pola súa parte, Estados Unidos e Japón advertiron que imporán novas sancións contra Corea do Norte, independentes das que poida emitir o Consello de Seguridade de Nacións Unidas, se  Pyongyang continúa coas súas ambicións nucleares.

Comentarios