POR "COHERENCIA"

A Coordinadora de ENDL rexeita o Premio da Cultura Galega 2015

O Consello Directivo da Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística decidiu hoxe rexeitar o Premio da Cultura Galega 2015 no apartado de lingua. A Coordinadora salienta que aceptar o premio sería “incongruente”.

O Consello Directivo da CGENDL non recollerá o Premio da Cultura Galega 2015 na modalidade de lingua ao considerar “unha incongruencia” aceptalo de mans “dun Goberno que ten actuado en contra de todos os principios que defendemos a prol dunha normalización efectiva da lingua galega. “Non podemos nin queremos ser incoherentes, aceptando un galardón que nos entrega un goberno que ignorou de modo persistente todas as demandas que os sectores máis comprometidos coa promoción do idioma levamos solicitando desde hai anos”, sinala nun comunicado.

A CGENDL lembra as políticas contrarias ao galego do goberno de Alberto Núñez Feijoo. Así, alude á limitación do uso da nosa lingua nas materias tecnolóxicas e científicas no ensino; á supresión das liñas de galego solicitadas polas familias en Educación Infantil ou á delegación da responsabilidade de “escoller” o idioma de escolarización nas nais e pais. “Foi, en fin, un goberno reticente coa promoción real do galego, a pesar das alarmantes estatísticas que convidan a cambiar de rumbo na política lingüística, e con urxencia”, engade.

Non nos presta vestir con traxe de gala en tempos que requiren roupa de faena

Desta maneira, os membros do Consello Directivo da CGENDL non recollerán o premio, “pois non nos presta vestir con traxe de gala en tempos que requiren roupa de faena”. Reivindican que “as nosas fillas e fillos, que desexamos plurilingües, teñen dereito a escoitar máis galego dentro e fóra das aulas, para non condenalos á ignorancia de non saber de onde son nin de onde veñen”. “Desde a nosa modesta independencia, seguiremos a carón dos que sementan futuro a prol dunha lingua que desexamos tan normal como calquera outra”, engaden.

A Coordinadora deixa constancia no comunicado da “inmensa gratitude para o xurado, non por ter en conta os nosos méritos individuais, senón por poñer de relevo a transcendencia social, cultural e pedagóxica da normalización lingüística” e agradece o recoñecemento ao “labor colectivo de defensa e promoción do idioma no ámbito educativo protagonizado por centos de docentes e Equipos de Normalización Lingüística de centros escolares” de toda Galiza.

Comentarios