A Coordenadora galega de equipos de normalización lingüística di adeus

Aasemblea xeral votou a non continuidade da CGENDL ao non se presentar ninguén para asumir a dirección da entidade. A web permanecerá activa até decembro de 2017.

CGENDL
photo_camera Actividade dunha ENDL

A Coordenadora galega de equipos de normalización e dinamización lingüística, a CGENDL, non continuará adiante. A entidade nada en 2009 coa intención de coordinar actividades e experiencias dos equipos de normalización de toda Galiiza ao tempo que lles daba voz conxunta di adeus. Así o decidiu a asemblea xeral da Coordenadora, que votou pola non continuidade. O motivo? Que non se presentou ninguén para asumir a dirección.

“A partir deste momento non haberá unha coordinación tal e como se tentou facer ao longo destes anos”, informa o consello directivo en funcións nun comunicado. Porén, que non continúe a CGENDL non quer dicir que se baixan os brazos no compromiso pola normalización do idioma. “Animámosvos a continuar traballando, xunto con todo o profesorado que o fai acotío, no seo dos respectivos Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística e en colaboración co resto de equipos de cada unha das comarcas a través das Coordinadoras Comarcais existentes ou que aínda se poden crear”, sinalan.

A páxina web vai seguir activa ata decembro de 2017 e alí vanse manter ata esa data os materiais existentes a disposición das persoas usuarias. “Convidámosvos a seguir na tarefa da normalización da nosa lingua desde o ámbito escolar (...) pois o voso esforzo colectivo segue a ser indispensable nun contexto político que non axuda a establecer unhas condicións mínimas de restauración social da nosa lingua. E sen vós, nada do que levamos feito tería sentido”.

A Coordinadora Galega de ENDL está formada por equipos de centros públicos, privados e concertados, e deles fan parte profesionais do ensino; persoas de ideoloxías moi plurais, “unidas por un mesmo ideario lingüístico: o galego é a lingua propia de Galiza, tal e como di o Estatuto de autonomía”.

Comentarios