Imprimir

Cooperavirus nace para conectar as necesidades dos centros sanitarios con provedores ou 'makers'

Raquel C. Pérez | 27 de marzo de 2020

José R Gago con Yiran Chen en Silicon Valley, ela é a a día de hoxe o contacto de Cooperavirus no mercado chinés (Imaxe: Paula Capparelli)
José R Gago con Yiran Chen en Silicon Valley, ela é a a día de hoxe o contacto de Cooperavirus no mercado chinés (Imaxe: Paula Capparelli)
O galego José R. Gago, estudante de Medicina e emprendedor, é unha das cabezas pensantes detrás desta iniciativa que nas súas primeiras 48 horas de vida colleitou máis de 230 peticións.

"Decatámonos de que existe moita desconexión entre os centros hospitalarios e de saúde, que precisan provedores de material que non son quen de atopar no marco desta crise,  coas iniciativas que tratan de fabricalo ou con outras empresas", explica o pontevedrés José R. Gago a Nós Diario, estudante de quinto ano de Medicina e impulsor de numerosas iniciativas; a última delas Cooperavirus.

Este proxecto sen ánimo de lucro opera a través dunha base de datos. "A web funciona mediante formularios, un para solicitar axuda e outro para ofrecela, nós ordenamos os datos e poñemos en contacto oferta e demanda", resume Gago, quen explica que puxo a plataforma a disposición da Xunta e do Sergas.

É unha solución durante o período de maior emerxencia, di Gago

O coordinador de Cooperavirus valora que a súa duración será breve. O equipo detrás desta plataforma coñeceuse no Centro Internacional Santander Emprendemento, e a el súmanse máis persoas cada día. "Esta é unha solución durante o período de maior emerxencia, ando chegue o material encargado ao exterior e as axudas europeas, nunhas dúas semanas, isto chegará á súa fin", prevé. 

De mandís a impresoras

O 15 de marzo o ministro de Sanidade, Salvador Illa, solicitoulle a todas as persoas físicas ou xurídicas que posuísen subministros sanitarios, xa fosen máscaras, luvas ou gafas de protección, que os entregasen nas posteriores 48 horas. Porén, desde aquela puxéronse en marcha diferentes iniciativas como a da comunidade maker, que comezou a investigar en rede como fabricar viseiras empregando as impresoras en 3D das que dispoñen.

Precisamente, un destes makers foi contactado por Cooperavirus co Hospital Montecelo de Pontevedra para imprimir pantallas de protección. "Sei que hai iniciativas, como Aire en Madrid, que está traballando para imprimir tamén respiradores", explica José R. Gago.

Hai que comprender que a canle habitual das Administracións é o concurso público, engade este estudante

Nos dous primeiros días de andaina Cooperavirus acumulou máis de 230 peticións de axuda. "Desde o meu punto de vista, as Administracións ou o Sergas estanse esforzando para adquirir o material, mais hai que comprender que a canle que empregan habitualmente cando precisan subministros é a do concurso público ao que se presentan varias empresas, non están afeitas a procurar provedores como o podemos facer nós", apunta este estudante de Medicina.

En ocasións, as solucións que xorden na plataforma Cooperavirus son sorprendentes. Os mandís de plástico dunha empresa familiar enviados a un hospital en León para subtituír as batas desbotábeis ou os canóns de ozono empregados nunha bodega de Castela-A Mancha e destinados a un hospital da comunidade son só uns exemplos. 
 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/cooperavirus-nace-conectar-necesidades-centros-sanitarios-provedores-makers/20200326202226093974.html


© 2020 Nós Diario