Economía

Conxemar denuncia que a UE deixa fóra das axudas a transformadores e comercializadores da pesca

Afirman que fican fóra das axudas "o sector das industrias de transformación e a comercialización, xa sexa de peixe fresco ou conxelado; e todo o sector comercial, que distribúe devanditos produtos".
Feira de Conxemar (Arquivo).
photo_camera Feira de Conxemar (Arquivo).

A asociación de Almacenistas, Importadores, Transformadores e Exportadores de Produtos da Pesca e Acuicultura a nivel estatal, Conxemar, denunciou esta sexta feira que, "dunha forma incríbel", a Comisión Europea deixa fóra das axudas destinadas á pesca o seu sector.

A través dun comunicado, Conxemar lembra que o informe da Comisión sobre as axudas para apoiar á pesca e a acuicultura, pola suspensión de actividade derivada da crise do coronavirus, estabelece fondos para o sector extractivo baseándose "na necesidade de liquidez", e para o sector acuícola para "garantir compensación financeira" pola suspensión ou redución da produción.

Ademais, desde Conxemar, que ten prevista a súa feira para outubro de 2020, recollen que tamén se anunciaron axudas aos produtores para o almacenamento temporal dos produtos da pesca e a acuicultura.

"Dunha forma incríbel, déixase fóra das axudas ao sector das industrias de transformación e á comercialización, xa sexa de peixe fresco ou conxelado, e a todo o sector comercial, que distribúe devanditos produtos", criticou Conxemar, que lembrou que eses distribuidores levan a mercadoría especialmente a pemes que venden á canle  horeca (hoteis, restaurantes e cafeterías).

Segundo incidiu a asociación, estes establecementos están obrigados a pechar pola crise sanitaria, coa consecuente perda de todos os ingresos para estas empresas, "incluso o risco de non cobrar os pedidos entregados antes da declaración do estado de alarma".

Finalmente, Conxemar fixo un chamamento á atención de "autoridades europeas, estatais e autonómicas", diante de "tal manifesta inxustiza cos máis débiles", para que as axudas cheguen tamén a estas empresas.

Comentarios