Imprimir

Convocada folga estudantil feminista o 8 de Marzo na universidade galega

Redacción | 22 de febreiro de 2021

Os exames presenciais comezaron tras as festas de Nadal nas tres universidades galegas. (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
Os exames presenciais comezaron tras as festas de Nadal nas tres universidades galegas. (Foto: Carlos Castro / Europa Press).

Faino Erguer e co lema ‘Por un ensino público, laico e feminista’.

Erguer-Estudantes da Galiza convoca folga estudantil feminista para este 8 de marzo “por un ensino público, laico e feminista”. Unha convocatoria, apuntan nun comunicado, co que queren que o estudantado “sumámonos ao conxunto do movemento feminista e paramos”.

A organización indica que esta pandemia está a ter repercusións no ensino, “actualmente, atopámonos cun ensino telemático na universidade e presencial no resto de escalóns, marcado por unha Consellería de Educación en mans do Partido Popular que foi incapaz de obrar desde os inicios da pandemia para manter a seguranza das traballadoras da educación e das estudantes”.

A isto engaden que as estudantes “encaramos o 8 de Marzo, Día da Muller Traballadora cunha necesaria reflexión”. Inciden en que o feminismo está a ser nestes anos “un motor de mobilización social” mais denuncian que se dá unha “normalización do binomio control-submisión e, incluso, da violencia non explícita nas relacións que se xeran durante a adolescencia e a mocidade”.

“No contexto da pandemia, podemos dicir que esta foi tamén unha crise marcada polo xénero: xa sexa pola importancia esencial sectores feminizados, como polo peso específico que pasaron a ter o traballo de coidados, sexa ou non remunerado”.

A continuidade do machismo “baixo novas formas e métodos de ensino”, a fenda de xénero, a ausencia da perspectiva de xénero nas aulas... son tamén algúns factores enumerados no comunicado no que Erguer chama á folga estudantil feminista do 8-M.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/convocada-folga-estudantil-feminista-8-marzo/20210222104840116308.html


© 2021 Nós Diario