Convergència e ERC asinan un acordo para proclamar a independencia en 18 meses após o 27S

Trátase dunha folla de rota partillada pola ANC, Òmnium e AMI. Procuran a sinatura da CUP. EUiA desmárcase.

ANC
photo_camera [Imaxe ANC]

O texto asinado na segunda feira (30 de marzo) polos máximos dirixentes de Convergència e Esquerra, Artur Mas e Oriol Junqueras, prevé a declaración de independencia nun prazo de 18 meses desde a convocatoria das eleccións o vindeiro 27 de setembro. Porén, o seu carácter oficial non chegará atá a publicación formal da devandita convocatoria. 

A partir dese momento, o acordo prevé unha serie de pasos a desenvolver que culminarían coa declaración dun "novo estado". 

A folla de rota conta co aval da Assemblea Nacional Catalana (ANC), Òmnium e AMI, ao tempo que CDC e ERC manteñen tamén conversas coa CUP na procura da súa sinatura. Porén, desde EUiA aseguraron que "non participaremos nunha folla de rota deseñada para os intereses electorais de CiU e ERC". O secretario xeeral da formación, Joan Josep Nuet mesmo tildou de "erro histórico" o pre-acordo. 

O documento fixa o proceso en 4 pasos:

1. Eleccións plebiscitarias o 27-S. Estes comicios servirán, sinalan, para coñecer a vontade do pobo catalán sobre o seu futuro político. Neste senso, presentaranse como substitutos do referendo do 9-N. Así, os programas electorais das candidaturas soberanistas incluirán de maneira destacada que votalos supón apoiar un "pronunciamento favorábel á independencia de Catalunya" que aposte na "recuperación do estado social" e na "rexeneración democrática". 

2. A seguir, as forzas parlamentares elaborarán un proxecto de texto constitucional nun período de non máis de 10 meses que inclúa un mecanismo de participación popular, a Convención Constitucional Catalá. Trátase dun proceso constituínte que deseñe a creación e funcionamento das estruturas do novo estado: servizos sociais e de saúde, infraestruturas estratéxicas, seguridade, aproveitamento enerxético... Así como os exercicios de soberanía precisos para proclamar a República de Catalunya en 18 meses. 

3. Inicio de relacións institucionais entre Catalunya e o Estado español para negociar as novas condicións: reparto dos activos e pasivos, relacións entre os dous estados. Tamén prevé a abertura de negociacións coa comunidade internacional, nomeadamente coa UE para o recoñecemento e admisión de Catalunya nas distintas organizacións internacionais. 

4. O proceso culminará coa convocatoria dun referendo sobre o texto constitucional deseñado. De ser apoiado proclamarase a independencia e convocaranse unhas novas eleccións xa no marco da Constitución catalá. 

Máis en Països Catalans
Comentarios