Unha contrata do Sergas despide o persoal dun centro especial de emprego

O Instituto Sondaxe desbota subrogar o persoal da Axencia de Doazón (Ados).
Protesta polos despidos en Ados. (Foto: CIG)
photo_camera Concentración de traballadoras e traballadores de Ados diante do edificio da Xunta en Vigo. (Foto: CIG)

A empresa Instituto Sondaxe S.L., gañadora en 2020 da concesión do servizo de convocatoria e información a doadoras e doadores da Axencia Galega de Doazón de Órganos e Sangue (Ados), efectuou o despedimento do cadro de persoal que traballaba para a anterior contrata, Call Center, un centro especial de emprego. Esta circunstancia provocou unha mobilización de traballadoras e traballadores onte diante da delegación da Xunta da Galiza en Vigo. Sefi Romero, secretaria xeral da CIG-Banca, explica a Nós Diario que a nova empresa comezou a realizar o seu traballo o pasado 18 de xaneiro "sen contar coas 25 empregadas e empregados que a día de hoxe non teñen novas do seu posto". 

Ados depende do Servizo Galego de Saúde (Sergas) e desde a CIG sinalan que coa pandemia houbo unha serie de atrancos que paralizaron o proceso de licitación até decembro, mes en que o Sergas resolve.

"O que tiña que facer Sondaxe era contactar co persoal do centro especial de emprego de Call Center e subrogar os seus contratos", asegura Romero, quen apunta ademais que "así o estabelece a lei de contratos do sector público". 

Responsabilidade de Sondaxe e do Sergas

"Pedimos reunións coa empresa Sondaxe e co xerente do Sergas a semana pasada para que nos expliquen que pasos darían", expoñen desde a central nacionalista, "mais polo de agora a única resposta foi por parte da empresa" coa que contan ter unha reunión esta mesma semana. A CIG contactou tamén coa Consellaría de Emprego, a través da Secretaría Xeral de Relacións Laborais, e coa responsábel dos centros especiais de emprego. "Non deron ningún tipo de resposta a respecto de por que tiveron lugar os despedimentos", relata Romero. 

A sindicalista indica que "o traballo adaptábase ás capacidades distintas do persoal do centro especial que "o desenvolvía perfectamente, polo que non queda outra que subrogar". Na licitación do servizo sinalábase que a función destas traballadoras e traballadores constaba do envío de cartas, chamadas a doadoras e doadores de sangue total e aférese, envío de SMS e correos electrónicos. 

Seguirán a reclamación no Parlamento galego

"O persoal non quere renunciar ao seu posto de traballo e sabe que ten ese dereito", afirma Romero, "máxime cando hai unha especial consideración por parte da Xunta cos centros especiais de emprego no que se refire ás condicións do persoal", engade. Desde a central nacionalista consideran que "hai unha preocupación na sociedade por integrar persoas con capacidades diversas" polo que "a Xunta terá que asumir a súa responsabilidade en todo este proceso". 

Segundo Romero, a empresa anterior comunicou formalmente ao persoal que "deberían ser subrogados pola empresa entrante" e deu cumprimento ao convenio dos centros especiais na relación destas persoas. "Para nós ten que acabar mantendo o emprego destas persoas", indica esta sindicalista, polo que seguiremos loitando e xa pensamos en acudir ao Parlamento galego".

Comentarios