Contra-proposta á intención de Freiremar de liquidar o seu proxecto industrial en Vigo

O departamento xurídico da CIG elaborará un informe que ofreza solucións para a pesqueira que non pasen polo despedimento de 99 dos 114 operarios que ten na cidade. A asemblea de traballadores aposta tamén por unha xornada de folga, o 7 de novembro.

AsembleaFreiremarVigo02.grande

Persoal de Freiremar, que asistiu este fin de semana a unha asemblea no local da CIG en Vigo, amosouse partidario de presentar un informe alternativo ao da dirección de Freiremar e no que se aposte polo mantemento do proxecto industrial na cidade olívica. Así, o departamento xurídico da CIG comezará en breve os traballos de elaboración do contrainforme, segundo indicou o secretario nacional da FGAMT, Xosé Fernández Piñeiro.

Durante a asemblea denunciouse, aliás, a “inutilidade” da mesa de negociación que se está a celebrar en Madrid xa que a proposta da compañía non contempla outra cousa que o peche do centro de traballo de Vigo.

@s operari@s amósanse partidarios da mobilización e barallan incluso convocar unha xornada de folga o vindeiro día 7 de novembro e celebrar unha manifestación polas rúas da cidade o 30. Segundo explicaron dende a CIG, nos vindeiros días contactarán con CCOO e UGT para que se sumen ás mobilizacións en defensa do emprego en Freiremar.

Xuntanza co BNG

Paralelamente, responsábeis da central sindical e unha representación dos traballador@s manterán este xoves unha xuntanza con representantes do BNG para trasladarlles a problemática laboral existente en Freiremar despois de que a formación nacionalista anunciase a súa intención de presentar unha interpelación ao respecto no Parlamento galego.

Comentarios