Imprimir

Continúa a aumentar o número de casos activos de coronavirus na Galiza

Redacción | 29 de xuño de 2020

Traballadoras sanitarias atenden pacientes de coronavirus (Europa Press).
Traballadoras sanitarias atenden pacientes de coronavirus (Europa Press).

Son 2 máis ca onte e 4 máis que no sábado.

O brote da Mariña continúa a deixar pegada nos datos de coronavirus na Galiza e fai que o número de casos activos aumente por segundo día consecutivo. Se o domingo eran 310 (2 máis que no sábado), esta segunda feira son 312.

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus na Galiza é de 312.

Deles 71 son da área da Coruña, 44 da de Lugo, 22 da de Ourense, 9 da de Pontevedra, 131 da área de Vigo, 24 da de Santiago, e 11 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 4 están en unidades de hospitalización e 308 no domicilio.

Non hai pacientes positivos en UCI. Polo de agora, na Galiza hai un total de 10.615 persoas curadas, rexistrándose 619 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 179.717.

Segundo informaba a Consellaría de Sanidade este domingo, non se detectaron cambios nos dous brotes localizados nas comarcas do Barbanza e da Mariña. O primeiro mantense con nove positivos e o segundo con 22, logo dos casos detectados onte con máis de 200 probas PCR realizadas na área.

Residencias de anciás

Nas residencias de anciás hai 4 casos activos, que corresponden a 3 persoas residentes e 1 traballador. En total, houbo 274 falecementos nestas instalacións.

 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/continua-aumentar-numero-casos-activos-coronavirus-galiza/20200629120232100405.html


© 2020 Nós Diario