A cifra de contaxios estase a acelerar en África, onde hai xa 7.028 casos de COVID-19 e 50 dos 54 países do continente están afectados pola pandemia, segundo os últimos datos publicados nesta sexta feira, 3 de abril, polos Centros para o Control de Enfermidades da Unión Africana.
En total son 284 as vítimas mortais, mentres que 581 pacientes conseguiron vencer a enfermidade. Aínda que inicialmente os países máis afectados eran os do norte do continente, Suráfrica pasou a ser o que máis casos ten, con 1.462 e cinco falecidos.
Séguelle Alxeria, con 847 casos e 83 vítimas mortais, dato este último que o converte no país con máis falecidos. En terceiro lugar sitúase Exipto, con 779 casos e 58 mortos. A continuación veñen Marrocos, con 676 e 44 respectivamente, e Tunisia, con 423 e 14.
Burkina Faso é o seguinte país na lista, con 288 casos confirmados e 16 falecidos, o país da África subsahariana con máis vítimas mortais.
Rápida progresión
"As cifras de casos están a aumentar exponencialmente na rexión africana", advertía nesta cuarta feira a directora rexional da Organización Mundial da Saúde (OMS) para África, Matshidiso Moeti, cando entón había 6.000 casos.
"Levou 16 días desde o primeiro caso confirmado na rexión até chegar a 100. Fixeron falla outros dez días máis para chegar ao primeiro milleiro. Tres días despois disto, había 2.000 casos, e dous días máis tarde estabamos en 3.000", subliñou. Os 5.000 casos rexistráronse na terza feira.
"Fillos de puta"
Por outra banda, a suxestión de dous doutores franceses de probar vacinas contra o coronavirus en África, efectuada durante un diálogo mantido na cadea LCI, levantou as iras de varios xogadores e exfutbolistas daquel continente, que tachan a proposta de racista.
"Non sodes máis que merda. África non é o voso patio de recreo", escribiu en Instagram o camerunés Samuel Eto'o, que os cualificou de "fillos de puta".
Tamén o senegalés Demba Ba, dixo en Twitter: "Benvido a Occidente, onde os brancos se cren tan superiores que o racismo e a debilidade vólvense comúns. É tempo para poñerse en pé".
Bienvenue en occident , la où le blanc se croit tellement supérieur que racisme et débilité deviennent banalité. TIME TO RISE ✊🏿 pic.twitter.com/R08R7K9QAw
— Demba Ba (@dembabafoot) April 2, 2020
O marfileño Didier Drogba, tamén no Twitter, dixo: "É inconcibíbel que sigamos aceptando isto. África non é un laboratorio. Denuncio enerxicamente estes comentarios serios, racistas e despectivos". E engadiu: "Non tomedes os africanos por cobaias!".
It is totally inconceivable we keep on cautioning this.
— Didier Drogba (@didierdrogba) April 2, 2020
Africa isn’t a testing lab.
I would like to vividly denounce those demeaning, false and most of all deeply racists words.
Helps us save Africa with the current ongoing Covid 19 and flatten the curve. pic.twitter.com/41GIpXaIYv