Opinión

Contadora de historias

Nunha tranquila mañanciña chegoume un sms sen contar. Lembrades iso?

Era de Paula Carballeira:

-Sole, estou sen voz. Podes ir por min hoxe a unha biblioteca? Só unha cousiña: tes que contar en galego. Anímaste? Veña, muller, ti podes!

Levaba tres anos en Compostela, enamoradiña perdida desta terra e da súa lingua. Porén ese amor só me chegaba para falar cos amigos, con Gago e coas compañeiras de Tai Chi. Pero unha cousa era a conversa e outra un espectáculo enteiro de historias.

Botei contas e decidín finalmente poñer camiño a Santa Cruz, en Oleiros. Recibiume Carmen, a bibliotecaria, seria, fitándome por riba dos lentes, o que me axitou máis aínda. Nin recordo o que contei, pero a cousa debeu de ir ben, porque quince anos despois sigo contando nesa e nas outras marabillosas bibliotecas do concello a miúdo.

Ao rematar, conversamos sobre os contos, a reacción dos nenos, as risas… e, por suposto, do “ben que falaba o galego”.

-Tan só tes que botar da cabeza o dicionario , dixo, distinguir o “e” aberto do fechado e listo. Para adiante! Daquela miroume (agora que somos amigas sei que esa é a súa ollada de meter medo) e engadiu:

-O moreno ese que tes é xenético ou de solario?

En dicíndolle que era uruguaia deu en rir ás gargalladas.

-"Guaranga!" Yo también! Y estamos aquí, castigando el gallego!”

Quince anos van alá e hoxe toca celebrar o galano de tantas e tantas tardes onde a imaxinación pon selo no pasaporte das historias. Nestes tempos unha viaxe moi segura. Coma a cultura.

Comentarios