AS DATAS QUE SE BARALLAN, O 28 DE FEBREIRO E O 6 DE MARZO

Conta atrás para a XV Asemblea Nacional do BNG

O Consello Nacional deste sábado concovará unha cita na que a militancia nacionalista terá voz e voto para decidir o roteiro da organización, a nova dirección nacional e a fórmula de concorrencia electoral.

asemblea bng
photo_camera Unha asemblea do BNG

O Consello Nacional do BNG reunirarase este sábado, unha xuntanza da que sairá a data e convocatoria da XV Asemblea Nacional da fronte nacionalista. Fontes do BNG sinalan a Sermos Galiza que as datas baralladas para o cónclave nacionalista son o 28 de febreiro ou ben o 6 de marzo. Mais aínda está por decidir se a asemblea será dunha soa xornada ou ben a fin de semana enteira (dous días). Entre o pasado día 8 e esta sexta feira (15 de xaneiro) están a ter lugar asembleas comarcais por todo o país. Asembleas nas que se debate desde a análise dos resultados das eleccións do pasado 20-D até a fórmula de concorrencia aos comicios galegos deste 2016, pasando por achegas e reflexións sobre o proxecto nacionalista e o roteiro a seguir. As reflexións e conclusións destas asembleas serán remitidas á Executiva nacional do BNG para o seu traslado ao Consello Nacional.

Nun documento á militancia ao que tivo acceso Sermos Galiza, incídese na importancia deste proceso e traballo “de reflexión previo” á AN para avanzar “en cuestións como a nosa relación con outras forzas políticas, así como outras pendentes como os avances na unidade de acción xuvenil e do nacionalismo e melloras do aparato organizativo”.

Fontes do BNG sinalan a Sermos Galiza que as datas baralladas para o cónclave nacionalista son o 28 de febreiro ou ben o 6 de marzo.

O que a dirección do BNG ten claro, e así o expresa no documento, é que a voz e a opinión da militancia e dos simpatizantes é máis importante que nunca. “Debemos fixar nós os nosos propios tempos, sen presións mediáticas nin externas. O que cómpre agora é serenidade, asunción realista dos resultados, análise e adopción de propostas para a efectivización de medidas correctoras”.

No escrito tamén se recoñece que no BNG "debemos ser conscientes de que arrastramos un problema organizativo de fondo” e que hai que “afrontar o proceso de reactivación da militancia e de adaptación da estrutura organizativa para a tornar máis áxil, operativa e funcional, debe ser un dos aspectos centrais da nova fase que iniciamos”.

Fontes do Bloque Nacionalista Galego apontan á importancia desta Asemblea Nacional, na que "nos dotaremos dunha nova dirección política", alén de sinalar que vai ser unha cita na que a xente nova e preparada que hai na organización poida asumir máis responsabilidades.

Comentarios