Conta atrás para o confinamento en Portugal

O país entrará en confinamento xeral ás 00 horas da próxima quinta-feira. Portugal rexistrou 7.502 novos casos de coronavirus e 102 mortes nas últimas 24 horas. O primeiro ministro xa avanzou que se tomarán medidas como as adoptadas en marzo e abril, a excepción das escolas, que si abrirán.

Unha muller con máscara en Lisboa (Foto: Pedro Fiuza / Zuma Press)
photo_camera Unha muller con máscara en Lisboa (Foto: Pedro Fiuza / Zuma Press)

Un novo confinamento entrará en vigor no país veciño ás 00 horas desta quinta feira, 14 de Xaneiro, segundo informa a Rádio e Televisão de Portugal (RTP), adiantando mesmo dous días a data que se barallaba para tornar ao estado de emerxencia.

Portugal rexistrou este domingo 7.502 casos en só 24 horas e 102 mortes, e a previsión é que o Consello de Ministros aprobe as regras do novo confinamento nun decreto que será aprobado na tarde da cuarta feira, após ese mesmo día a Assembleia da República autorizar o presidente luso, Marcelo Rebelo de Sousa, a asinar o decreto polo que se estabelecerá un novo estado de emerxencia.

A ministra de Estado e da Presidencia do Consello de Ministros, Mariana Vieira da Silva, afirmou que o Consello de Ministros se reunirá inmediatamente tras a aprobación por parte da Assembleia da República, e que tomará as medidas de forma a que se poidan aplicar o máis cedo posíbel. Así mesmo, Vieira da Silva destacou que nas xuntanzas do primeiro ministro luso cos partidos políticos houbo un gran consenso sobre a necesidade de tomar máis medidas fronte a pandemia. 

As medidas concretas do novo confinamento estabeleceranse no Consello de Ministros, que estudarán as análises e recomendacións das e dos especialistas en saúde pública e epidemioloxía que se reunirán esta terza feira. O primeiro ministro xa avanzou que a súa idea é un confinamento como o de marzo e abril, excepto para as escolas, que si abrirían.

O novo confinamento durará 15 días, mais segundo adiantou este domingo o xornal luso Público, o confinamento prolongarase alén dese prazo se o número diario de novos casos de Covid-19 non baixar considerabelmente. 

Deste modo, as eleccións presidencias serán baixo confinamento xeral, xa que están previstas para o 24 de xaneiro. 

Comentarios