Opinión

Consumo, logo existo

Destas semanas de confinamento, unha das cousas que lembrarei será como a publicidade foi lendo a nosa situación emocional, até metérsenos na casa coas mensaxes que máis nos ían influír en cada momento. É verdade que, en moitas ocasións, acababa por partirme de risa cando a través do correo electrónico e burlando a carpeta de spam, unha firma de lencería ofrecía a indumentaria máis acaída para estar na casa. Uau, e eu pensando que ía ben coas chaquetas de hai unha década e os pantalóns pasados de moda.

Mais o caso é que, semellaba que entraban na nosa cabeza e tomaban nota das nosas necesidades máis ocultas. E sempre cunha mensaxe emotiva relativa a este momento que nos toca vivir. Todo un detalle.

A publicidade é así, amolécenos e téntanos para levarnos a gastar e gastar, que para iso vivimos nunha sociedade de consumo. E hoxe temos todo tipo de facilidades, nin sequera importa que esteamos en estado de alarma e confinados, mesmo así podemos seguir consumindo, a verdadeira felicidade que hoxe enunciaría Boecio. Talvez, o propio Descartes refaría o seu inesquecíbel aforismo: consumo, logo existo.

Bendita publicidade que nos asalta desde o televisor, o móbil, o ordenador, os valados, a prensa... Diríxese a min polo meu nome, proponme a súa compañía nesta desescalada, ofréceme blusas de verán, escorredoiros galvanizados, lencería, un 2x1 en pneumáticos, datos ilimitados, calzado supercómodo, máscaras de microfibra ... eu necesito de todo! Mais a preguiza e o espírito aforrador impídenme realizarme como persoa e entrar nas súas webs en que comprar é tan doado.

E aínda que me tomo todo isto a broma, para resistir, hai límites infranqueábeis, como utilizar as necesidades máis perentorias, os sentimentos máis dolorosos en campañas que comezan parecendo un anuncio de interese xeral (silencio!), ou esoutras que ademais de aproveitarse das circunstancias, son un insulto ás persoas. Seica que o anuncio máis visto foi o dos banqueiros cantando “Resistiré”. Vaia burla!

Comentarios