Consumo estuda unha vía extraxudicial para garantir as indemnizacións ás viaxeiras

Moitas das afectadas vense obrigadas a acudir á vía xudicial para reclamar os seus cartos.
Avións de Ryanair (arquivo).
photo_camera Avións de Ryanair (arquivo).

Milleiros de persoas quedaron sen poder realizar as viaxes que tiñan programadas por culpa da pandemia da COVID-19. Moitas delas aínda non recuperaron os seus cartos, pero a solución podería estar próxima. O ministro de Consumo, Alberto Garzón, recoñeceu que está a traballar coa Axencia Estatal de Seguridade Aérea (Aesa) un mecanismo extraxudicial "vinculante" para garantir que as compañías aéreas aboen as indemnizacións pola supresión dos voos anulados.

Segundo asegurou o ministro en sede parlamentaria, "as aeroliñas teñen a obriga legal de devolver ese diñeiro".

Neste senso, Garzón sinalou que o seu departamento "vai traballar para a devolución deses cartos". "Falamos dun contrato que está pago pero non tivo a prestación dese servizo. É evidente e de sentido común", engadiu.

Con todo, recoñeceu que, pese existir esta obriga legal, a ausencia de mecanismos extraxudiciais "que obriguen esas empresas", leva o consumidor, en caso de que non haxa unha resolución rápida, a "ir aos xulgados".

"É un percorrido tan custoso, en tempo e cartos, que a maior parte da xente non o percorre, de tal maneira que as aeroliñas saen impunes, porque a barreira de entrada é moi alta", afirmou.

Viaxes combinadas

Na súa comparecencia ante a Cámara Baixa, o ministro tamén se referiu ás viaxes combinadas, nas que polas características deste sector, con intermediarios, a exixencia de devolución de cartos pode levar a que as operadoras queden "atrapadas", sen ter percibido cartos do seu provedor, pero coa obriga legal de reembolsarllos ao consumidor, provocando unha suspensión de pagos ou mesmo levando a empresa a quebra.

Por iso, explicou o ministro, o Goberno español posibilitou unha alternativa na negociación co consumidor, que consiste en ofrecer á clientela afectada un bono cun ano de duración, co fin de permitir un "tempo suficiente para axustar a situación económica destes actores".

O titular de Consumo destacou que esta medida permite dar máis tempo para facilitar as devolucións e garantir que, no caso de que existan as compensacións entre intermediarios, a devolución faise efectiva, xa que no caso de non usar este bono nun ano, o importe do mesmo deberá ser reembolsado.

Comentarios