Opinión

Construír a actualidade

Cando apareceu a televisión, prognosticábase que sería a fin da radio. Cando chegou a internet, dicíase que desaparecía a televisión. Cando irromperon os libros electrónicos, anunciábase a fin dos libros en papel. Mais nada disto aconteceu, como tampouco o xornalismo dixital matou o xornalismo en papel. A nosa profesión pasa por apostar na combinación de soportes, no chamado xornalismo multiplataforma, capaz de crear sinerxias entre o soporte papel e o dixital, con toda a potencialidade da linguaxe audiovisual.

Apostamos nun xornalismo socialmente responsábel, con información rigorosa baseada en datos e fontes fidedignas que non dirixirá o lectorado, senón que contribúa a que sexan as lectoras e os lectores quen conformen a súa opinión en base á obxectividade e ao contraste. Así é como queremos construír a actualidade, pois o xornalismo non debería buscar máis recompensa que a satisfacción de facilitarlle ao lectorado máis elementos de xuízo para se formar unha idea do mundo. Queremos axudar a crear cidadanía crítica, con capacidade de pensamento e reflexión por si propia. Queremos informar dos asuntos relevantes sen atender outro interese que non sexa o público.

Sermos xornalistas implica asumirmos un compromiso coa sociedade, sen censuras, sen autocensuras, sen presións e sen clientelismos. Quen renuncia a iso, deixa de ser xornalista e pasa a ser escritora ao ditado ou relacións públicas. Nós Diario, en todos os seus soportes, quere ser unha prensa libre e incorruptíbel. Un medio que practique xornalismo crítico e que non estea amordazado pola subvención nin pola banca. Unha sociedade libre non se consegue sen prensa independente que renda contas perante a verdade, a honestidade e o interese galego.


Nós Diario só ten razón de ser aquí, ao servizo da Galiza. Estamos convencidas de que lograremos cubrir ese lugar que a día de hoxe non atopan as lectoras e lectores. Un espazo de democracia e pluralismo. O futuro do xornalismo galego, centrado na Galiza, pasa por NÓS.

Comentarios