‘Construíndo unha nova Galiza”: lema do BNG para un Día da Patria “expansivo e descentralizado”

Unha "marcha controlada" de até 1.000 persoas partirá desde a Alameda compostelá até Praza da Quintana, onde intervirá Ana Pontón e que conectará con actos a decorrer noutras cidades e comarcas do país.

Xavier Campos, responsábel de Comunicación do BNG, na presentación dos actos do 25 de xullo, Día da Patria.
photo_camera Xavier Campos, responsábel de Comunicación do BNG, na presentación dos actos do 25 de xullo, Día da Patria (Foto: Europa Press).

A situación excepcional derivada do coronavirus obriga a mudar costumes e hábitos, tamén os relacionadas cunha data de tanto significado como o 25 de xullo, Día da Patria, mais non ten por que alterar a cerna dunha xornada que neste 2020 fai 100 anos.

O BNG vai conmemorar e festexar, un ano máis, o Día da Patria Galega. E vaino facer nun marco “especial” polas circunstancias da pandemia da Covid-19, o que levará que as mobilizacións sexan "descentralizadas" con diferentes actos nas sete cidades galegas.

O evento central desenvolverase na Praza da Quintana de Compostela cun aforamento máximo de 1.000 persoas, desde onde se conectará en directo cos do resto de cidades

Así o explicou esta terza feira o secretario de Comunicación do Bloque, Xavier Campos, nunha rolda de prensa onde destacou que "por primeira vez" o Día da Patria será "expansivo e descentralizado", tal e como o definiu.

En concreto, a xornada comezará "cunha marcha controlada" que partirá ás 12:00 do mediodía na Alameda compostelá con entre 800 e 1.000 persoas --en lugar das multitudinarias manifestacións de colectivos nacionalistas que adoitaban protagonizar este día--, o máximo permitido en eventos ao aire libre. De feito, serán as mesmas que posteriormente participarán no acto en Quintana.

Unha vez neste "emblemático" espazo da capital galega, cada un dos asistentes terá o seu asento asignado para escoitar a intervención da portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, xunto ao secretario xeral de Galiza Nova, Paulo Ríos.

“Descentralizado”

A principal novidade do 25 de xullo deste ano, segundo explicou o responsábel de Comunicación, é que os actos nas diferentes localidades van conectar en directo co de Praza da Quintana.

Esta "descentralización" ten o obxectivo de "congregar a miles de persoas" pero desde diferentes puntos da Galiza, ás que se sumarán as que accedan aos 'streaming' que a través de redes sociais.

Todos estes eventos do Día da Patria terán limitación de aforamento, controis de acceso e restricións de seguridade, como será o uso de máscara. "A nivel de organización, é un Día da Patria absolutamente condicionado polo escenario coronavirus", resumiu.

De forma paralela ao acto en Quintana, o que acollerá cada cidade contará coa intervención de "referentes locais do BNG", ademais dos 19 deputados e deputadas nacionalistas logradas nas eleccións do pasado 12 de xullo. E é que, en palabras do secretario de Comunicación, nestes festexos respirarase un ambiente "pos electoral": "É innegábel que terán este ano un aspecto especialmente festivo".

‘Construíndo unha nova Galiza’

De feito, a propio lema da formación para o Día da Patria, 'Construíndo unha nova Galiza', pretende dar continuidade ao da campaña do 12X --'Unha nova Galiza'--. "Transmitimos, fundamentalmente, que para nós o 12 de xullo non acabou nada, senón que foi un paso moi importante dentro dun proceso de avance", abordou.

Ademais, asegurou que este 25 de xullo será "inclusivo", posto que estará dirixido "a todos os galegos e galegas, na súa diversidade e pluralidade, sexan ou non nacionalistas, votasen ou non polo BNG". "Non queremos que sexa unicamente unha celebración dos homes e mulleres do BNG e que se senten nacionalistas. É un día que concibimos como o día da nación que compartimos", incidiu.

Por iso, cada un dos actos demostrarán "inclusividade" coa invitación a representantes do tecido social, cultural e veciñal da contorna das cidades e as comarcas.

Así mesmo, a través da súa militancia, o Bloque ten previsto dar "visibilidade" á bandeira galega nos balcóns a través dunha "repartición masiva" por toda Galiza.

Visita de Filipe VI

Por outra banda, preguntado na rolda de prensa sobre a visita do rei Felipe VI a Santiago con motivo da Ofrenda ao Apóstolo, prevista tamén para este sábado, Xavier Campos apuntou que a monarquía ten agora "un serio problema de lexitimidade" e de "credibilidade" non só na Galiza, "senón no conxunto do Estado.

Neste sentido, Campos lembrou que o BNG é "unha forza política nacionalista republicana”.

Comentarios